As pistas de tenis da zona polideportiva do Parque Tecnolóxico de Galicia acollerán a vindeira semana a primeira edición do Torneo de Tenis Interempresarial de Tecnópole, unha competición por parellas que poderá seguirse a través do Twitter e que recollerá as súas mellores imaxes na galería en Flickr.
O torneo de dobres disputarase entre os días 21 e 24 de setembro de 19 a 21 horas, a un só set e a través de fases eliminatorias. O luns e o martes terán lugar os oitavos de final con partidos simultáneos en dúas pistas, o mércores os cuartos tamén con partidos paralelos e o xoves serán as semifinais e a gran final.
Participarán un total de 14 parellas, formadas por traballadores de empresas e entidades da Tecnópole: Allenta Consulting, Alert Life Sciences Computing, Sogaserso, Aimen, Solar Pereiro, Telémaco, Viveiro da Cámara de Comercio de Ourense, Enyiris, Sonen, Egatel, Excelia, Gaélica Solar, Coasa e Raisin D’Or. Na organización estará o persoal da sociedade xestora do Parque Tecnolóxico.
Os gañadores recibirán o seu trofeo -adquirido ao Centro Especial de Emprego da Asociación de Parálise Cerebral de Ourense (Aixiña)- durante a cea de peche do torneo, que terá lugar o mesmo xoves 24 en Ourense.