O sector tecnolóxico galego creou 1.397 postos de traballo en 2021, un 7,2% máis que o ano anterior, o que supón o incremento máis elevado dos últimos cinco anos cun total de 20.740 empregados. Galicia, con máis de 2.960 empresas TIC, un 2,2% máis que en 2020, é a quinta comunidade por número de empresas tecnolóxicas, que xa supoñen máis de 1.700 millóns de euros de valor engadido bruto á economía galega, o 2,69% do PIB, segundo o último dato dispoñible de 2019.
Estas cifras son parte das que analiza o estudo “Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2021”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Amtega. Así, a tecnoloxía disruptiva con máis presenza nas empresas TIC galegas é o denominado internet das cousas -que se refire a unha interconexión dixital de obxectos cotiáns coa rede-, cib un 34,2% de presenza no sector, mentres que os sensores, as etiquetas RFID ou IP, as cámaras para mellorar o servizo dos medidores, as lámpadas e termoestatos intelixentes son os sistemas ou dispositivos que máis se empregan no sector TIC galego.
Emprego do Big Data
Ademais, o estudo reflicte que preto do 29% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos o chamado “business intelligence”, mentres que o 24,2% emprega “chatbots”. Ademais, o 22,5% das compañías analizan “big data”, porcentaxe que se eleva ao 50% no caso das que contan con 10 ou máis empregados.
Fonte: El Progreso