O téxtil, a confección e o calzado empregaban ao peche de 2020 a 126.594 persoas en toda España, un 7,8% menos que o ano anterior. Co estalido do coronavirus en España e a declaración do estado de alarma, o sector comezou a destruír emprego con descensos interanuais que chegaron ao 15,9% en xuño e xullo, até acabar o exercicio cunha marca de 10.764 postos de traballo menos.
Só en Galicia, o sector perdeu máis de 8.500 millóns de euros no ano da pandemia, con retrocesos en todos os mercados internacionais aos que exporta, excepto Polonia, e perdas de facturación do 40% en España. A tendencia negativa continúa neste primeiro trimestre do ano, marcado pola quebra de empresas emblemáticas, como Sybilla, Forecast, Normandie ou a galega Pili Carrera.
Recuperarse deste duro golpe levará tempo, pero a industria da moda trazou un plan para entrar na repartición dos fondos europeos de recuperación (140.000 millóns destinados a España). O documento de manifestación de interese (MDI), presentado xa no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, contou coa participación activa do grupo Inditex e das empresas do sector agrupadas en Cointega, a patroal galega do sector, ademais das principais organizacións do téxtil e o calzado de España. Nel, a industria da moda canaliza unha recuperación baseada na sustentabilidade, unha palabra clave á hora de pasar o filtro no reparto dos fondos europeos.
O modelo de futuro que trazan as empresas debuxa un escenario de economía circular, renovado tecnoloxicamente e envorcado na descarbonización, o aproveitamento dos recursos e a produción duradeira, deixando atrás as frivolidades da moda a baixo prezo (low cost), de usar e tirar. Para todo iso, farán falta cartos, porque os obxectivos expostos son ambiciosos.
Outra das súas metas pasa pola eliminación de desperdicios do proceso produtivo (12% do material) e a súa conversión en materia prima secundaria; e a redución da liberación de 500.000 toneladas de microplásticos. A estratexia inclúe un recorte do consumo de petróleo e de fontes de enerxía que non sexan renovables, a redución do uso de contaminantes e a diminución do consumo de auga e recursos naturais.
A loxística é outro dos puntos fortes do sector téxtil do futuro, que tamén pide fondos europeos para pór en marcha un sistema de trazabilidade que acabe coa impresión sobre cada peza dun selo «Eco», a modo de pasaporte de sustentabilidade. Será a marca de calidade que distinga o produto de cara ao consumidor. Ese compromiso coa sustentabilidade irá acompañado dunha nova filosofía de mercado, que defende a idea de incrementar o uso que se lles dá ás pezas, un uso que, segundo datos do sector, diminuíu un 36% nos últimos 15 anos como consecuencia da xeralización do modelo fast fashion, ou moda de consumo rápido.
«A industria quere volver axustar modelos de negocio a tipos de clientes e a pór en valor unha oferta máis personalizada», din os empresarios do téxtil.
Fonte: La Voz de Galicia