O téxtil afronta unha nova revolución

O mundo enteiro leva inmerso nunha espiral de consumo de roupa vertixinosa. Segundo un estudo da ONU, os cidadáns compran un 60% máis de roupa que hai unha década. E a demanda, como non, empuxa tamén á oferta. Entre os anos 2000 e 2015, a produción de pezas duplicouse no mundo. O que é sorprendente é que, mentres que a fabricación medraba, o uso das mesmas reducíase de maneira importante.

Os números poden dar conta do problema. De media, unha peza é utilizada unicamente entre sete e oito veces antes de ser pasto do refugallo. E no Vello Continente a cousa ponse seria. Porque cada europeo consome 26 quilos de roupa ao ano e tira nin máis nin menos que 11. Traducido en macrocifras, isto supón que só os consumidores deste territorio xeran cada ano 5,8 millóns de toneladas de residuos téxtiles.

Este rápido consumo supón todo un reto para a xestión de residuos. Un informe da Fundación Ellen MacArthur apuntaba a que menos do 1% da roupa se recicla para facer artigos novos. Case nove de cada dez prendas se incineran -coa emisión de gases tóxicos que isto supón- ou directamente acaban alimentando enormes vertedoiros.

Pero esta fórmula de consumo empeza a ter os días contados. O téxtil europeo debe porse as pilas e afrontar unha das súas maiores transformacións. Bruxelas aprema. A Comisión Europea quere pór coto ao desperdicio de téxtil e empezará a esixir ás compañías unha porcentaxe de fibras recicladas, ademais de prohibir destruír roupa e esixir un aumento da transparencia. Os dirixentes europeos puxeron xa algunhas datas no calendario e a partir de 2030 queren que toda canta peza se poña no circuíto de comercialización sexa duradeira e sustentable.

Fonte: La Voz de Galicia