O talento feminino lidera a biotecnoloxía galega tras gañar 100 investigadoras nun ano

A nosa comunidade é exemplo de igualdade no campo da biotecnoloxía, segundo a radiografía que se desprende da “Estatística sobre o uso de Biotecnoloxía”, publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE). A autonomía gañou 100 novas investigadoras en 2021 fronte ao 2020, unha boa cantidade tendo en conta que na última década, entre 2011 e 2021, aumentaron en 392.

Así, Galicia fichou nun ano a cuarta parte das investigadoras que incorporou en toda unha década, até alcanzar as 697 profesionais en equivalencia a xornada completa (EXC). As mulleres representan xa o 54% deste persoal, vencellado a actividades de I+D interna en biotecnoloxía, unha porcentaxe que non deixou de medrar e que supera lixeiramente ao conxunto de España.

E non só no campo investigador, no ámbito empresarial hai tamén máis mulleres. “Cada vez estamos a ver que esta porcentaxe é maior nos postos directivos”, subliña o xestor de proxectos de Bioga, Julio Martínez. Á brillantez feminina súmase o maior gasto en actividades de I+D interna en biotecnoloxía. A nivel autonómico, o pasado 2021 investíronse neste capítulo máis de 113 millóns de euros, un 145% máis que os preto de 46 millóns que se destinaron ao longo de 2011.

Segundo expón Julio Martínez, o territorio galego é -tras Cataluña- a rexión onde nacen máis empresas biotecnolóxicas, produto da súa progresiva aposta pola investigación, “cun crecemento constante de ao redor dun 10% anual desde 2016”. O sector está en continuo crecemento económico en Galicia, onde alcanza unha facturación global que pasa dos 1.000 millóns de euros e agrupa a máis de 5.000 traballadores.

Fonte: El Correo Gallego