Os xurados decidiron premiar nesta terceira edición dos Premios Nacionais de Innovación a Juan Miguel Villar Mir, presidente do Grupo Villar Mir, na súa modalidade “Traxectoria Innovadora”; ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) no apartado “Compra Pública Innovadora” e ás empresas Ferrovial e Inoxpa en “Internacionalización”. En canto aos vixésimo Premios Nacionais de Deseño, recaeron en Pablo Martín Badosa na categoría de “Profesionais” e na modalidade “Empresas”, en Figueras International Seating. O xurado outorgou unha Mención Especial a Enric Hughet Muixí recoñecendo a súa achega pioneira en España no ámbito da innovación e o deseño.
Premiados pola súa contribución á innovación
Juan Miguel Villar Mir, fundador do grupo Villar Mir, pioneiro na aplicación de innovacións disruptivas en sectores tradicionais para incrementar a competitividade. O xurado valorou o seu esforzo innovador, o seu relevante papel na proxección da imaxe de España como país moderno e tecnoloxicamente avanzado así como a súa actividade en pro da divulgación e do desenvolvemento da innovación empresarial.
O Sergas pola incorporación da innovación no procedemento administrativo. A través dos proxectos “Innova Saúde” e “Hospital 2050”, o Sergas promoveu unha nova cultura para a contratación administrativa utilizando un modelo de innovación aberta, involucrando o persoal a distintos niveis na definición das necesidades e co que se logrou un notable aforro no gasto.
Ferrovial, pola presenza da innovación en múltiples ámbitos da súa actividade empresarial, o seu modelo de innovación aberta, o fomento do talento a través de incentivos específicos e o seu liderado en proxectos europeos e mundiais. A súa innovación e presenza en múltiples países exerceu un amplo efecto tractor sobre as pemes españolas para lograr a súa internacionalización.
Inoxpa, creada para a fabricación de bombas de aceiro inoxidable para o sector alimentario, converteuse nun grupo especializado que deseña, fabrica e comercializa equipos para solucións integradas en aceiro inoxidable para a industria farmacéutica, alimentaria, vinícola e cosmética. A súa capacidade innovadora en sectores tradicionais e a súa internacionalización fixérono merecedora deste premio.
(Fonte: Innovamás)