O sector TIC de Galicia prevé crear máis de 4500 novos empregos en cinco anos

O sector TIC emprega en Galicia a 19.343 persoas -segundo os últimos datos de 2020-, cun crecemento do 1,9% no último ano. É un dos sectores económicos máis resilientes na actual conxuntura provocada pola covid-19, e, lonxe de contraerse, mantén a súa capacidade para xerar emprego. Durante o período 2015-2020, o aumento do emprego do sector tecnolóxico galego foi do 23,3%. Se mantén esta evolución, o sector TIC de Galicia crearía máis de 4500 novos postos de traballo no próximos cinco anos.

Estas cifras son parte dos datos do informe “Talento Dixital: Estudo da Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia”, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), que reflicte a situación do emprego no sector e de titulacións STEM -Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas- no sistema universitario galego. Trátase de datos clave para avanzar nun dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Demanda de novos perfís

As tecnoloxías disruptivas están a xerar demandas de novos perfís profesionais. A xestión do dato e a ciberseguridade están á cabeza da demanda empresarial no ámbito tecnolóxico, destaca a Xunta. Así, un 47,2% das empresas TIC de Galicia que desenvolve funcións relativas á xestión dos datos demanda perfís relacionados con Big Data e un 42,5% das que teñen liñas de negocio no ámbito da ciberseguridade demanda perfís especializados nesta materia. Ademais, un 41% das empresas que se dedican ás tecnoloxías verdes busca profesionais STEM especializados para avanzar en solucións que contribúan á transición a fontes de enerxías renovables, limpas, seguras e eficientes.

En canto aos perfi lles dixitais cos que xa contan as empresas do sector, o 14,4% ten en persoal a expertos en servizos na nube (Cloud); un 13,2% conta con profesionais vinculados á xestión do dato (big data); unha de cada dez empresas TIC de Galicia conta con perfís STEM nas áreas da ciberseguridade e Internet das Cousas (IoT), a Industria 4.0 e a Automatización; e o 6,6% conta con perfís STEM nas áreas das tecnoloxías ambientais e a eficiencia enerxética.

No que coincide o sector é na dificultade para contratar persoal titulado en carreiras STEM. Case tres de cada catro empresas TIC galegas (73,4%) indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren titulación STEM, o que nos mostra que a demanda de persoal e expectativa de crecemento do emprego de perfil STEM na empresa TIC galega é forte.

Fonte: El Ideal Gallego