O sector tecnolóxico xera bos postos de traballo

As ofertas de contratos indefinidos no sector TIC duplican as ofertas temporais e crecen un 13% con respecto ao ano pasado. Un 65% das ofertas de emprego do total ofrecidas no terceiro trimestre de 2016 corresponden a un posto con contrato indefinido.

Este, entre outros datos, quedou recollido no estudo presentado polo portal de emprego especializado no sector tecnolóxico ‘ticjob.es’. O portal presentou os seus indicadores de emprego TIC do terceiro trimestre de 2016, nun estudo que se realizou baseándose en 28.624 ofertas representativas do sector en España. O estudo revela que o número de ofertas de emprego TIC no terceiro trimestre de 2016 se incrementou nun 6% con respecto ao mesmo período de 2015.

O 65% das ofertas corresponden a un posto fixo con contrato indefinido –no terceiro trimestre de 2016–, o que supón un incremento porcentual do 13% con respecto ao mesmo período de 2015 (52%). Así mesmo, representa o dobre das ofertas temporais (24%) e freelance (9%), que xuntas suman un 33%. “Os indicadores do terceiro trimestre de 2016 mostran un incremento notable na calidade do emprego TIC con respecto a 2015, así como unha aposta firme por parte das empresas a coidar estes profesionais escasos” explica o seu CEO, Stephane Levesque.

Principais indicadores

Os postos máis demandados do sector IT son o de analista programador (26%), programador (23%) e arquitecto software (11%). En canto ás tecnoloxías máis solicitadas polas empresas durante o terceiro trimestre de 2016, foron Java (13%), Javascript (9%), HTML5 (8%) e .NET (6%). A tecnoloxía Java e HTML5 descenden con respecto ao segundo trimestre aínda que manteñen o seu liderado.

En canto á experiencia requirida, as ofertas que solicitan candidatos de entre 5 e 10 anos (43%) de experiencia no sector TIC foron as de maior volume seguidas das de entre 2 e 5 anos (40%) e as de primeiro emprego (17%). Por outro lado, as rexións en España onde houbo maior volume de ofertas de emprego do sector das Tecnoloxías da Información foron nesta orde: Madrid, Cataluña e Andalucía.

(Fonte: EP)