O sector TIC deu emprego a 14.683 traballadores no ano 2015, o que supón un incremento do 8,9% no último ano, segundo precisa a Xunta. O 79,4% figuran inscritos no réxime xeral de cotización da Seguridade Social (12.446) e o 20,6 por cento no réxime de traballadores autónomos (3237).
Son datos publicados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), no “Diagnóstico ás empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2016”.
O crecemento no volume de empresas TIC prodúcese, especialmente, nas empresas máis pequenas, o que pon de manifesto a tendencia ao emprendemento neste sector. Así, o 83,5% das empresas TIC galegas ten un máximo de dous empregados, 79 empresas máis que o rexistrado o ano anterior neste segmento empresarial.
Volume de negocio
O volume de negocio das empresas TIC galegas superou os 2453 millóns de euros no ano 2015, cun aumento do 2,4% con respecto ao ano 2014.
En relación ao peso do sector na economía galega, o estudo do Osimga indica que o valor engadido bruto (VAB) do sector TIC galego en 2014 superou os 1015 millóns de euros, o 1,8% do PIB total de Galicia.
Por outro lado, o 25,9% das empresas TIC desenvolveu actividades relacionadas con I+D+i nos tres últimos anos. Destas, tres de cada catro obtiveron resultados comercializables.
O estudo tamén pon de manifesto as dificultades que as empresas TIC galegas experimentan á hora de contratar profesionais cos coñecementos e experiencia para a súa organización. E é que o 48,7% sinala que é difícil ou moi difícil contratar persoal con formación específica en TIC, especialmente pola carencia de candidatos coa formación precisa.
As empresas galegas contan cunha maioría de profesionais TIC con formación universitaria ou especializada a través de ciclos formativos TIC.
(Fonte: La Región)