A maioría das empresas están integradas en Bioga, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia que, por primeira vez, alcanzará os 100 millóns de euros de facturación ao peche deste exercicio, fronte aos 70 millóns de vendas rexistrados no 2013, segundo os datos avanzados por esta agrupación, que acaba de sumar a incorporación do grupo Zeltia, no acto de entrega dos seus premios anuais celebrado no Porriño.
Bioga está integrado por medio centenar de empresas e microempresas, a maioría moi novas e nacidas baixo o paraugas protector das universidades ou as fundacións hospitalarias (spin off) galegas. A súa actividade concéntrase nas áreas da saúde (maioritaria), o sector agroalimentario e o medio ambiente. Carme Pampín, directora xeral de Galchimia e presidenta de Bioga, destacou a vocación internacional do sector, debido á falta de clientes en España; así como a ausencia de investidores especializados. “Hai problemas importantes para buscar financiamento. Non é fácil, porque non todo o mundo coñece o sector da biotecnoloxía, hai poucos investidores especializados e os retornos adoitan ser a medio e longo prazo”, afirmou.
Os premios Bioga designaron á compañía Amslab como empresa biotecnolóxica máis competitiva do 2014 e a Qubiotech como a mellor idea empresarial biotecnolóxica.
(Fonte: La Voz de Galicia)