O sector dos drons demanda unha lexislación menos restritiva para permitir o desenvolvemento de novas aplicacións

O mercado dos drons ofrece tantas oportunidades como o seu potencial número de aplicacións, para as que non se enxergan límites, aínda que é necesaria unha regulación do sector menos restritiva que faga posible o seu desenvolvemento. Esta foi a principal idea transmitida por Emilio Aguete, experto en vehículos aéreos non tripulados, aos asistentes ao último almorzo tecnolóxico organizado por Tecnópole.
 
Aguete, responsable de formación da empresa Aerocámaras (Lalín, Pontevedra), fixo unha completa exposición sobre as características, funcións e modelos máis actuais dos drons dispoñibles no mercado, que completou coa súa visión sobre os retos de futuro destes dispositivos. A súa charla continuou cun coloquio, ao que seguiu unha exhibición de voo con algúns dos drons utilizados pola súa empresa para prestar servizos.
 
Neste sentido, o experto sinalou que a súa carteira de servizos se incrementa continuamente para dar cobertura ás novas demandas recibidas dos seus clientes. Tal e como explicou, o seu nicho de mercado é moi amplo, xa que as aplicacións son cada vez máis diversas e as empresas que os contratan poden obter un servizo profesional sen necesidade de investir na adquisición dos drons e coa seguridade de que se cumpren as estritas normas de uso destes dispositivos. “A vantaxe é que os drons se poden equipar con calquera extra necesario para dar un servizo á carta”, explicou Aguete.
 
Medicións, salvamento, vixilancia, seguridade, emerxencias e produción audiovisual son só algúns dos ámbitos nos que os drons están a marcar un antes e un despois. “Por exemplo, é moi sinxelo e rápido medir un terreo con total exactitude ou controlar o furtivismo no mar. Tamén estamos a gravar imaxes do Camiño de Santiago para Atresmedia”, apuntou.
 
Sobre os drons dispoñibles, explicou que os modelos e prezos son moi variados. No que se refire á autonomía de voo, hainos dende 20 minutos a 4-6 horas.
 
Cambios na lexislación
 
Durante a súa charla, Aguete abordou un dos aspectos críticos para o desenvolvemento do sector: a lexislación. “Esperamos que pronto se aprobe unha lei máis ampla na regulamentación dos usos dos drons”, afirmou, aínda que insistiu en que é fundamental ser garantistas coa seguridade, xa que “isto non é un xoguete, como moita xente cre”.
 
Na actualidade, o sector está fortemente regulado pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa). “De momento aquí non se pode voar enriba de zonas poboadas e, aínda que existen directrices europeas, a lei implántaa cada país, así que por exemplo en Francia deuse permiso para isto, aínda que se require equipar os drons con paracaídas,” especificou.