A patronal tecnolóxica Ametic mide o peso da economía dixital en España. Segundo os datos de varios estudos, as conclusións son positivas. Así, a facturación total do sector tecnolóxico-dixital no noso país medrou un 5,2% en 2021, por riba da media da economía patria e recuperando as cifras prepandemia. Chegamos así até os 114.493 millóns de euros que se moveron neste eido, xa sexa tecnoloxía na súa máis ampla concepción, comunicacións, industria ou contidos dixitais.
Por segmentos, as Tecnoloxías da Información (+8,2%) e os contidos dixitais (+9,2%) son os que tiran do carro deste crecemento. Pola contra, a ‘commoditización’ das telecomunicacións lastra o seu comportamento, practicamente plano no último curso e negativo en 2019 e 2020. Nin a irrupción en escena da 5G conseguiu reverter esa tendencia.
A estas cifras contribúen ao redor de 36.541 empresas, que dan emprego a uns 582.412 traballadores. Empregos, ademais, de alto valor engadido e con perfís moi demandados. Non en balde, a suma ofrecida por Ametic supón aumentar un 10% a cifra fronte a 2021 e en 140.257 postos respecto do que nos atopabamos hai apenas un lustro. E o que é máis relevante: unha terceira parte de todas as empresas que se consideran “innovadoras” no noso país responden a esta industria conceptualmente tan ampla.
A tecnoloxía e o dixital xa impactan directa ou indirectamente no 22% do PIB, un 17,6% máis que o que supuña o pasado exercicio.
Fenda de xénero
Aínda que a empregabilidade no sector tecnolóxico é máis que positiva, os datos globais esconden aínda unha importante fenda de xénero que non parece resolverse a curto prazo. Nese sentido, apenas un 38,4% dos profesionais nesta industria son mulleres, segundo o barómetro ofrecido pola patronal tecnolóxica.
Fonte: El Español