O sector das TIC galego resiste o embate da covid á alza pola expansión da dixitalización

Abondan os dedos dunha man para contar os sectores que medraron durante a pandemia: a industria alimentaria, a farmacéutica, o ecommerce ou as tecnoloxías da información e comunicacións. Este último ámbito produtivo, coñecido polo seu acrónimo como TIC, medrou en Galicia un 1,9% ao longo dun 2020 marcado -menos os dous primeiros meses- polo coronavirus, até chegar a aglutinar a case 20.000 traballadores. Así se desprende dunha enquisa elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (Osimga), que confirma o previsible motivo deste avance: o maior uso das novas tecnoloxías que trouxo consigo a eclosión da covid, tanto no terreo laboral, coa xeralización do teletraballo, como no lecer, ao disparar o confinamento as visualizacións en plataformas de series e películas online e a industria dos vídeoxogos, ademais de apps móbiles.

De acordo con este mesmo estudo, o emprego no sector do TIC galego pechou o ano pasado cun total de 19.343 postos de traballo tras a creación de 359 novos empregos. Ademais, o aumento foi especialmente significativo en empresas de actividades informáticas, nas que os novos ocupados foron 672. Isto supuxo un 5,9% máis con respecto aos de 2019. En canto ao subsector das telecomunicacións, esta enquisa da Xunta cifra no 1,8% a subida do emprego, até alcanzar os 3300 traballadores.

A alza de postos de traballo vén motivada por un incremento na demanda dos servizos que prestan as empresas deste sector. O mesmo estudo puxo de manifesto que case un 35% das empresas aseguran que as circunstancias da pandemia e as novas necesidades dixitais aumentaron a demanda dos seus produtos. En concreto, os máis demandados foron os artigos de software, os servizos web e os equipos móbiles e de comunicación. Por mencionar un sector, o 36,1% das compañías de telecomunicacións viu aumentada a venda dos seus produtos.

Teletraballo

Outra das claves de que as TIC convivisen tan ben coa pandemia foi a súa boa “e rápida” asimilación ao panorama laboral que se abriu coa covid, marcado polo teletraballo. Así, ao longo do 2020 disparouse nun 91,5% o número de empresas do ramo con empregados que exercen o seu labor desde os seus fogares. De feito, de todo o sector, o 63,4% das sociedades tecnolóxicas asegura ter persoal que teletraballa.

Dixitalización nativa

Pola súa propia natureza, o sector das TIC experimenta unha mellor adaptación ás novas canles de venda e publicidade dixitais que outras industrias tradicionais. Así, o estudo do Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia constata un crecemento do 7,1% das empresas que venden os seus servizos por comercio electrónico, o que permitiu que o volume de vendas se incrementase nun 31,4% ao longo do ano pasado. Ademais, unha de cada tres empresas TIC de Galicia puxo en marcha novas plataformas ou ferramentas dixitais para facilitar aos clientes as compras online.

Fonte: El Progreso