O sector da madeira prepárase para dar o salto

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou que a nova Axenda da Industria Forestal 2022-2024 nace da concienciación colectiva de toda a cadea de valor do sector da madeira para lograr dar un salto de calidade en materia de competitividade, diversificación, sustentabilidade e formación.

Nun encontro con representantes do sector recoñeceu que este documento chega no momento máis oportuno porque nunca antes esta industria se vira ante unha oportunidade tan grande como a que supón unha transición cara a unha economía máis verde, con todas as posibilidades que ofrece a madeira.

A nova axenda prevé chegar a mobilizar, a través da colaboración público-privada, 140M€ de investimento e beneficiar a 1700 persoas. Terá como obxectivo mellorar a cualificación profesional do capital humano a través da formación, consolidar un ecosistema de innovación en torno ao sector e co Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da madeira como núcleo, valorizar a industria fomentando os novos usos da madeira e as novas vocacións profesionais, e mellorar a competitividade, promoción e diversificación do sector.

Neste marco, está previsto un programa de fomento do uso da madeira na construción, un plan integral de revitalización e recuperación de bosques de coníferas e o fomento da dixitalización. Facendo un balance da anterior axenda, o vicepresidente económico sinalou que en 2021 superáronse os 9,9 millóns de m³ de madeira cortada, alcanzáronse os 2500M€ de facturación e aumentaron as construcións exemplares en madeira e os novos produtos de biomasa para uso industrial ou para a construción estrutural como é o caso de CLT.

Finalmente, Conde recoñeceu que a silvicultura é un sector que contribúe a xerar actividade industrial na Galicia rural e, por tanto, a crear emprego e facer máis produtivo o monte. Ademais de ofrecer unha das materias primas máis importantes para a transición verde.

Fonte: El Correo Gallego