O sector tamén recolle bos datos en canto ao emprego, que creceu o 2,91% ata os 177.973 traballadores, e na cifra de negocios, que alcanzaron os 107.788 millóns de euros en 2014, un 13,28% máis respecto ao ano anterior. Unhas cifras polas que o presidente de ASEBIO, Jordi Martí, asegurou que “é o momento de introducir reformas estruturais” que favorezan a innovación e instou aos partidos políticos a asinar un pacto pola ciencia e sinalou a necesidade dun apoio “tanto político como de regulación que funcionen como facilitador do negocio biotech”.
De todos os negocios alcanzados no sector, algo máis da metade (51,55%) veñen de empresas que consideran a biotecnoloxía como unha liña de negocio secundaria, mentres que o 41,40% é xerado por empresas onde a biotecnoloxía supón unha ferramenta necesaria para a produción. O 7% restante ten que ver coas empresas estritamente biotecnolóxicas. Neste sentido, Martí explicou que “no sector biotecnolóxico, temos perfís de empresas moi variados, con necesidades diferentes, pero todas comparten dúas problemáticas: as PEMES, o acceso ao financiamento; e as de maior tamaño, o acceso á innovación”.
En canto ao número de empresas que realizan actividades relacionadas coa biotecnoloxía o informe sinala un descenso do 3,14% ata as 2742, sendo 628 (un 13% máis) as que desenvolveron a biotecnoloxía como actividade principal e/ou exclusiva. Ademais, nestas empresas, o emprego cae o 6,90% e a facturación sobe o 6,75% ata os 7591 millóns de euros. Isabel García, directora de Operacións de ASEBIO, matizou que, a pesar dalgúns “signos de debilidade”, o emprego mostra uns “datos sostidos” que poden implicar “un cambio de tendencia”.
Alianzas e apoio público
O informe tamén reflicte que en 2015 se rexistraron 182 alianzas, das que o 50% involucraban a outra empresa biotech, o 25,27% a unha empresa usuaria da biotecnoloxía e case o 62,09% realizouse tamén con outro tipo de organizacións.
Outro dato positivo que destaca ASEBIO é o crecente apoio da administración pública ao sector e que o investimento interno privado en I+D en biotecnoloxía subira tras dous anos de caída, ata os 533,8 millóns de euros en 2014. En cambio, onde se rexistrou unha baixada é no número de patentes publicadas no sector, que quedaron en 905. E en canto ás publicacións científicas de empresas españolas computáronse un total de 205 impactos.
Cataluña á cabeza
Por comunidades autónomas, Cataluña continúa un ano máis á cabeza coa maior concentración de empresas usuarias de biotecnoloxía cun 21,21%, seguida de Andalucía (11,83%) e a Comunidade de Madrid (11,52%). En total, das 52 empresas biotecnolóxicas abertas en España durante 2015, 19 son de Cataluña, que encabeza tamén esta lista por diante de País Vasco, Andalucía e Galicia.
Por sectores, en canto ás empresas usuarias de biotecnoloxía, predominan as dedicadas á alimentación (62%) por enriba das de saúde humana (25%), mentres que se se atende ás compañías estritamente biolóxicas, a orde invértese.
(Fonte: Innovaspain)