O sector alimentario galego medra coa súa aceleradora

Un ano máis, a aceleradora do sector alimentario galego ofrecerá a distintos proxectos, de dentro e fóra de Galicia, os seus dous programas formativos: o de aceleración e o de consolidación, ambos para profesionalizar a súa actividade no mercado. Os participantes desta terceira edición da Business Factory Food (BFFood), dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e coa colaboración da Xunta, serán un total de 14, dos que oito foron seleccionados para o de aceleración -orientado a pór en marcha as iniciativas que dan os seus primeiros pasos no sector- e seis para o de consolidación, no que as ideas chegan máis traballadas e acábanse de afinar grazas aos consellos de profesionais de primeira liña. A maioría son startups galegas, aínda que tamén hai iniciativas de Madrid, Barcelona, Bilbao ou Logroño, que foron elixidas entre as 62 candidaturas nacionais e internacionais que se presentaron.

Todos os participantes reciben un apoio personalizado ao seu proxecto, que dura nove meses no caso do programa de aceleración e un ano no de consolidación, a partir dos consellos de profesionais de empresas cunha longa traxectoria industrial. Ese é un dos puntos forte de ambos os programas: os mentores pertencen a unha vintena de compañías como Bodegas Martín Códax, Café Candelas, Calvo, Quescrem, Torre de Núñez ou Vegalsa Eroski, interesadas en solucións innovadoras aliñadas coas propostas dos proxectos, o que xera importantes oportunidades de negocio para ambas as partes.

Os de aceleración poden optar, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), a 25.000 euros a fondo perdido e a unha capitalización de até 50.000 euros a través dun préstamo participativo de XesGalicia. Pola súa parte, os de consolidación poderían chegar a unha capitalización de até 250.000 euros.

Fonte: La Voz de Galicia