O salón InnovAtlántico 4.0 traerá a Vigo en outubro as principais tendencias en industria intelixente

Os próximos 10 e 11 de outubro celebrarase a primeira edición de InnovAtlántico 4.0, un salón que nace coa vocación de converterse nun referente no norte da península ibérica para os sectores relacionados coa innovación, as novas tecnoloxías ou a robótica.

O evento diríxese a empresas, institucións e centros de coñecemento en áreas como, a industria 4.0, as tecnoloxías para a saúde, a robótica, os drons, portos 4.0, a industria aeroespacial ou a intelixencia artificial.

Ademais da zona de exposición, que ocupará o recibidor central do edificio do Alpendre, InnovAtlántico 4.0 acollerá un foro aberto a todas as empresas participantes no que técnicos e especialistas en innovación falarán e debaterán sobre as aplicacións das novas tecnoloxías nos sectores industriais e de servizos.

Máis dunha vintena de empresas e institucións xa confirmaron xa a súa participación no evento. A directora do salón, Raquel Robledo, destacou que nesta primeira edición realizou unha aposta pola calidade, e por iso se decantou pola celebración do salón nas instalacións do Porto de Vigo.

Robledo destacou tamén a importancia de que este Salón se celebre en Vigo, onde se atopa un dos portos máis importantes de Europa e onde existe unha grande concentración de industria de alto valor engadido, que require permanentemente de solucións relacionadas coa innovación e a aplicación de novas tecnoloxías.

(Fonte: Info PLC)