O invento destas dúas alumnas de Bacharelato materializouse xa nun prototipo que vén sendo perfeccionado desde hai máis dun ano, cando se fixo cun dos premios da Galiciencia 2013. O respaldo conta cun sensor que, ante unha postura inadecuada das costas, envía un sinal para que se acendan os pilotos luminosos de alerta. As inventoras traballan agora no seguinte paso, que é incorporar unha alerta de son. Dado que o seu proxecto se orienta sobre todo a centros escolares, a súa idea é que o son se emita nunha frecuencia moi baixa que os adultos non perciben, pero si os máis novos.
O proxecto orixinouse e está a ser desenvolvido nas Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole e financiado pola Consellería de Economía e Industria, que comezou esta semana o seu quinto curso.
KiiCS é un proxecto financiado pola Unión Europea para tender pontes entre a arte, a ciencia e a tecnoloxía e está liderado pola Rede Europea de Centros e Museos Científicos (ECSITE). Entre as súas iniciativas para fomentar a cultura da innovación figura un premio xuvenil no que se seleccionan as mellores ideas innovadoras entre as preseleccionadas procedentes de todos os países da UE.
A cerimonia de entrega de premios tivo lugar durante o PICNIC Festival de Amsterdam, un evento que reúne a máis de 5.000 persoas (estudantes, emprendedores, deseñadores, etc.) interesadas en compartir coñecemento e novas solucións innovadoras a partir da co-creación.
Iniciativas de divulgación
As Aulas Tecnópole son unha iniciativa de divulgación científica do Parque Tecnolóxico de Galicia orientada a espertar nos rapaces e rapazas a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.
Os estudantes trasládanse unha tarde por semana durante todo o curso escolar á Tecnópole (en dous grupos), onde levan a cabo os seus proxectos de investigación en equipo e axudados por un grupo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os estudantes, todos eles de segundo ciclo de Secundaria e Bacharelato, reciben deles formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa.