O proxecto de Alba e Uxía fora xa gañador da Galiciencia 2013 na categoría de Bacharelato. Para a súa construción, estas dúas novas inventoras desenvolveron un circuíto eléctrico e tiveron en conta a curvatura media ou normal da rexión lumbar das costas. Para o xurado, o seu proxecto mereceu o primeiro premio pola súa orixinalidade e por buscar unha solución a un problema real.
Como xa comentaran ao recoller o seu premio na Galiciencia, o seguinte paso é incorporar unha alerta de son. Dado que o proxecto se orienta sobre todo a centros escolares, a súa idea é que o son se emita nunha frecuencia moi baixa que os adultos non perciben, pero si os máis novos.
A fase final do certame tivo lugar na Domus (A Coruña) ante a presenza de numerosos compañeiros e familiares dos cinco equipos finalistas, dos que tres procedían das Aulas Tecnópole.
KiiCS é un proxecto financiado pola Unión Europea para tender pontes entre a arte, a ciencia e a tecnoloxía e está liderado pola Rede Europea de Centros e Museos Científicos (ECSITE), á que pertence o organizador do certame en Galicia, a entidade Museos Científicos da Coruña.
Segundo e terceiro premio
Tanto o segundo como o terceiro premio foron compartidos, e en ambas as dúas categorías foron destacados os outros dous proxectos de Aulas Tecnópole que chegaron á final.
Xabier García Casas presentou un videoxogo programado por el mesmo partindo de cero, cuns coñecementos básicos de programación nunha linguaxe chamada Processing e cun presuposto de cero euros. O máis orixinal do seu proxecto é que inclúe un módulo para que cada xogador poida personalizar o xogo, creando o seu propio avatar. Este alumno das Aulas Tecnópole compartiu o segundo premio con dous estudantes de Cambre que idearon un sistema que alerta sobre temperaturas extremas en instrumentos musicais para evitar que se danen.
Parte do terceiro premio foi para David Alonso, tamén alumno das Aulas Tecnópole, que deseñou un sistema de detección de infraccións en baloncesto aplicando a tecnoloxía Lego Mindstorms Nxt. Compartiuno cun estudante de Santiago que presentou un proxecto sobre espellos e información.
Premios
As autoras do traballo gañador participarán este mes en Barcelona na Exporecerca Jove, a maior feira científica que se celebra en España. Tamén terán ocasión de presentar a evolución do seu prototipo na próxima edición da Galiciencia no mes de novembro e estarán no Día da Ciencia na Rúa, na Coruña, o próximo 10 de maio.
Os Premios KiiCS-I de arte, ciencia e tecnoloxía invitan alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Ciclos Formativos en Galicia, entre 14 e 18 anos, a presentar proxectos relacionados coa arte, a ciencia e a tecnoloxía.