O próximo 18 de abril os empresarios de Tecnópole e o Polígono de San Cibrao das Viñas teñen unha cita coa dixitalización. Durante o próximo almorzo tecnolóxico, os asistentes poderán coñecer de que xeito a transformación dixital, que afecta xa a toda a economía de forma global, é unha estratexia ineludible para incrementar as vendas en calquera sector.
O CEO de Contact Comunicación, César González, exporá as fórmulas máis axeitadas para que as pemes poidan captar novos clientes a través da dixitalización do seu negocio. Segundo o experto, “a dixitalización permite crear un ecosistema que axuda á empresa a estar presente en todas as fases da venda”. A isto engade que, para que este ecosistema sexa sustentable, “debe constituír un ciclo completo”, cun enfoque transversal que ha de implicar a todos os departamentos da empresa.
O almorzo, que terá lugar o mércores 18 de abril a partir das 9.30 no Edificio CEI, está aberto a inscrición gratuíta.
Esta serie de almorzos tecnolóxicos enmárcase no obxectivo de Tecnópole de contribuír a promover activamente a competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. Este formato, de participación reducida, non só persegue a actualización de coñecementos sobre temas legais, administrativos, comerciais ou relativos a tendencias do mercado, senón que se concibe como un espazo de relación entre as empresas do Parque entre elas e con outras, xa sexa en termos de contactos comerciais ou para o inicio de proxectos de innovación conxuntos.
(Fonte: Tecnópole)