O proxecto seleccionado por Tecnópole gaña o concurso “Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sostible” de APTE

Tecnópole participa en “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, unha iniciativa promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-. No marco da mesma, seleccionouse un proxecto para participar no concurso nacional “Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sostible”, que finalmente resultou gañador do certame, centrado na busca de solucións a problemas actuais ligados á saúde e o benestar.

A entrega de premios tivo lugar nun evento celebrado no Parque Científico de la Universidad Miguel Hernández de Elche. As creadoras da proposta son Aitana Martínez, Candela Rodríguez, Isadora Freita e Valeria Guillén, alumnas de 4º curso da ESO do Colexio Santo Ángel de Ourense.

As rapazas partiron da realidade de que en España 4,4 millóns de persoas exercen coidados informais a familiares dependentes ou enfermos. Ademais, aproximadamente o 12% da poboación ocupada entre 18 e 64 anos combina o emprego e o coidado familiar, e un 40% da mesma presenta niveis elevados de ansiedade. A pesar de que esta situación impacta directamente na saúde mental e no rendemento profesional das persoas traballadoras -cun maior risco de ansiedade, estrés crónico e esgotamento emocional-, as alumnas salientan que adoita permanecer invisible dentro da contorna laboral.

Ante estes datos, as rapazas desenvolveron “AWY, Always with you”, unha plataforma de apoio emocional dirixida especificamente para persoas traballadoras coidadoras. O seu obxectivo é detectar niveis de sobrecarga antes de que a situación empeore. Así, deseñaron un prototipo que permite rexistrar o estado de ánimo e medir os niveis de estrés, ao tempo que propón técnicas de regulación emocional.

VER VÍDEO