eHeart é un proxecto de colaboración público-privada cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco do programa Conecta-Pemes. A empresa de Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole encabeza o consorcio que o está a desenvolver, formado polas empresas Optare, Quobis, Hacce e Tecsoftcom, co apoio tecnolóxico de Gradiant e o soporte científico da Universidade de Vigo e da Fundación do Complexo Hospitalario da Coruña. O seu obxectivo é poñer freo a unha das principais causas de morte no mundo, as enfermidades cardiovasculares.
O Premio Innova eVIA 2015 recoñece así a capacidade da innovación galega para salvar vidas a través das TIC, que se impuxo a un amplo número de candidaturas procedentes de toda España.
eHeart é un dispositivo moi pequeno que o paciente levará adherido á pel para facilitar a detección precoz e en tempo real da fibrilación auricular. Durante un episodio crítico, a aplicación envía os datos por bluetooth ao servidor sanitario, o que permite actuar rapidamente ante os primeiros signos de alarma e salvar vidas.
Múltiples vantaxes
As súas principais vantaxes sobre os Holter ou outros aparatos implantados no corpo radican en que se trata dun dispositivo móbil sen cables, diminuto, minimamente invasivo, cómodo, económico e cun gran potencial no campo médico, xa que permite a monitorización constante da actividade cardíaca dos pacientes e o seu seguimento en tempo real por parte dos especialistas.
Ademais, tamén monitoriza outro tipo de información relevante, como a actividade física e a frecuencia respiratoria, e permite que o usuario e o médico manteñan sesións de teleconsulta aumentada, sen necesidade de dispositivos ou configuracións complicadas e mellorando significativamente o manexo dos datos confidenciais do paciente.
eHeart foi presentado o pasado mes de setembro en Tecnópole polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen destacaba entón que a posta en marcha do proxecto supoñía a creación de 20 empregos moi cualificados e que o éxito da iniciativa permitirá aos seus participantes competir no mercado nacional e internacional cunha tecnoloxía desenvolvida en Galicia.