O proxecto Disabledpark gaña o startup4cities 2014

O proxecto Disabledpark, desenvolvido por emprendedores de Elche (Alacante), foi o gañador de startup4cities, unha iniciativa pioneira promovida por Fundetec e a Red Española de Ciudades Inteligentes (RECI) co fin de impulsar o emprendemento de base tecnolóxica aplicado á smart city e de converter ás cidades en laboratorios urbanos nos que testar e validar o funcionamento de produtos e servizos innovadores que optimicen os recursos e melloren a calidade de vida dos cidadáns.

Disabledpark consiste nunha páxina web e unha aplicación móbil gratuíta que facilita a xeolocalización de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. A súa utilidade está pensada principalmente para cando estas persoas se desprazan fóra da súa cidade, e o seu modelo de negocio baséase no patrocinio das prazas a través da plataforma web por parte dos comercios locais.

O proxecto recibiu un total de 15 votos de cidades de RECI interesadas no seu funcionamento e en ofrecer apoio aos seus creadores para testalo e implantalo. Empatados con 11 votos quedaron os proxectos Ecomesh (Zaragoza), baseado na instalación de paneis solares híbridos en centros deportivos municipais para producir calor e electricidade; Trazeo Caminos Escolares (Córdoba), que consiste nunha web combinada cunha app que facilita a organización de rutas escolares comunitarias, co fin de que os nenos volvan ir andando ao colexio; e Chan radiante elevado, prefabricado e desmontable (Madrid), un sistema baseado en paneis independentes que poden desmontarse sen interromper o seu funcionamento, podendo quentar edificios protexidos ou espazos exteriores de forma eficiente e sen impacto sobre o chan orixinal.

Á convocatoria presentáranse un total de 89 proxectos procedentes de 15 comunidades autónomas, e un xurado de expertos seleccionara os 12 mellores.

(Fonte: Fundetec)