O proxecto de ciencia cidadá para a recuperación da biodiversidade no rural desenvolvido por oito estudantes lucenses é o gañador absoluto da Galiciencia 2018. A iniciativa “Rebinxe”, representada na maior feira científica de Galicia por Lidia Barreira e María Bouso, do IES San Rosendo de Mondoñedo, foi o mellor valorado polos 40 membros do xurado entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2019 (Barcelona).
Durante os tres días que durou a primeira edición de primavera da Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2000 visitantes. O evento estivo organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).
O proxecto cooperativo merecedor do máximo galardón conquistou ao xurado cunha coidada metodoloxía e presentación. Dende o seu stand, María e Lidia explicaron, apoiadas en numerosas mostras do seu traballo de campo e varios prototipos, a súa iniciativa para involucrar aos habitantes dos concellos lucenses de Mondoñedo, Abadín e Lourenzá na mellora da situación dos ecosistemas rurais nesta bisbarra. Durante os últimos seis meses, realizaron estudos pormenorizados sobre tres especies autóctonas -o bufo, a curuxa e o morcego- para despois iniciar un completo plan de acción. Entre as actuacións postas en marcha, está a concienciación da poboación sobre a capacidade destas especies para controlar pragas como a velutina, a colocación a demanda de caixas-refuxio construídas por eles mesmos para facilitar a supervivencia de exemplares e ferramentas on line para recompilar datos facilitados polos habitantes do contorno. A súa recollida exhaustiva de datos mediante técnicas como o fototrampeo, a investigación sobre as condicións de vida de cada unha das especies e sobre a axeitada construción dos refuxios e a capacidade para divulgar os seus resultados con rigor foron determinantes á hora de obter a máxima puntuación.
O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, a Zientzia Azoka, correspondeu ao deseño dun foguete de combustible sólido utilizando unha mestura de nitrato de potasio e azucre, o que provoca unha reacción de gases que impulsan o proxectil. Pablo Portela e Brais Pazó, do Colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo (Pontevedra), inspiráronse nos principios físicos utilizados pola NASA para fabricar sucesivos prototipos capaces de alcanzar cada vez maior altura e aceleración.
En terceiro lugar quedaron Esther Suárez e Lucía Suárez, das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso (A Coruña), que idearon unha estación meteorolóxica electrónica bautizada como “Cero lume” para a prevención de incendios. A través da medición mediante sensores de temperatura, humidade e velocidade do vento e circuítos programados para cruzar os datos, o dispositivo emite alertas cando se produce a combinación de factores de risco para poder controlar a situación. O equipo recibiu 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses na Semana da Ciencia.
Mencións especiais
De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. Na categoría especial de cambio climático, os alumnos do Colexio Alborada de Vigo levaron o premio polo seu proxecto de caracterización dos plásticos da praia de Vilariño (Ría de Aldán). Partindo do perigo de contaminación e de entrada na cadea alimenticia dos ecosistemas que teñen os plásticos depositados nas praias, Inés Muiñas e Óscar Cordero fixeron un exhaustivo traballo de campo ata determinar que o contido de microplásticos (tamaño menor de 5 mm.) na praia analizada ascende á perigosa cantidade de 760 unidades por decímetro cúbico.
O proxecto de concienciación sobre a reciclaxe de papel de Luis Barba e María Resgado, do IES María Casares de Oleiros (A Coruña), fíxose co recoñecemento á mellor presentación e comunicación oral. Dende o Club de Ciencia do instituto, os alumnos idearon un sistema que cobre todo o proceso: dende construír os instrumentos necesarios para a reciclaxe ata elaborar o papel. Como materia prima usaron non só o papel recollido nas aulas, senón tamén o de xornais e revistas que chegan ao centro. Unha vez optimizado o proceso abordaron a posibilidade de obter papel de distintas cores e texturas.
Como proxecto máis innovador, foi premiado o sistema de axuda na reciclaxe de lixo para invidentes das Aulas Tecnópole, ideado por Mateo González e Cecilia González. Os alumnos deseñaron un colector de lixo que emite sinais aos bastóns dos invidentes cando están preto para axudalos a saber onde poden depositar os seus residuos. O colector está dotado de varios dispositivos acoplados: un sensor de son, un sensor de distancia e un módulo de tecnoloxía sen fíos. Cando o invidente se achega, este envía un sinal sonoro ao seu bastón, que será diferente en función do tipo de residuos que recolle (plástico, papel, vidro ou orgánico).
Por último, a fórmula para a grella perfecta dos alumnos do Colexio San José-Josefinas de Ourense foi distinguido polo método científico e proceso de investigación mellor definido. Juan Carlos Serra, Daniel León e Rubén Borrajo extraeron e estudaron o tipo e a cantidade de oleorresinas presentes nas diferentes variedades de leña que se empregan nas grellas. Como receita básica, propoñen un lume de grella en tres fases: primeiro, leña de piñeiro, doado de acender e de combustión rápida; logo, castiñeiro, que eleva rapidamente a temperatura, e carballo, que asegura a formación dun bo braseiro; e, finalmente, aciñeira, con gran poder calorífico e combustión completa que apenas xera residuos. Segundo eles, tanto as oleorresinas da aciñeira como as do carballo potencian o sabor do asado.
(Fonte: Tecnópole)