O proxecto “Baby safety” de Aulas Tecnópole segue acumulando premios en feiras de ciencia estatais

O proxecto “Baby safety”, desenvolvido nas Aulas Tecnópole por Iria Ollero, segue acumulando premios en feiras de ciencia estatais. Tras ser recoñecido na Exporecerca catalá como o favorito entre os participantes, fíxose recentemente co primeiro premio nos Premios Don Bosco, en Zaragoza.

Ademais, Iria gañara tamén con este proxecto en 2018 o primeiro premio na feira Open Science de Cambre (A Coruña) na categoría de Bacharelato, o que lle permitiu levar o seu innovador dispositivo á ZienziaAtzoca, celebrada en Euskadi.

O “Baby safety” é un sofisticado dispositivo para a prevención da morte súbita do lactante. A partir dos parámetros indicados polos pediatras, Iria deseñou catro dispositivos que permiten controlar os factores de maior risco. Dous deles monitorizan a posición do bebé no berce mediante uns sensores de presión e unha cámara de IR, outro controla de xeito simultáneo a temperatura do cuarto e do bebé e un cuarto sistema consiste nun body que mide as pulsacións do lactante mentres dorme. Cando algún dos sensores rexistra unha situación de risco, actívase unha alarma sonora que avisa os pais de xeito inmediato.

Creatividade e ilusión

Juan Bosco, director dos premios, cualificounos como “un clásico en toda España, sobre todo en FP” e “unha experiencia” de creatividade e ilusión para sacar adiante os proxectos de investigación.

Entre os doce premios que se entregaron na área de investigación en Ciencias da Saúde, ademais do Baby Safety foi premiada unha luva sensorial musical que serve para integrar persoas con síndrome de Rett no mundo musical e integra un musicoterapeuta e un compositor para desenvolver o proxecto. Pola súa banda, o Ministerio de Defensa outorgou o seu premio ao Colexio Los Boscos de Logroño cun sistema de control que rompe as limitacións físicas e técnicas, similar á realidade virtual avanzada.

(Fonte: Herando de Aragón e Tecnópole)