O consorcio galego que porá no mercado o primeiro robot doméstico para prolongar a autonomía e independencia dos maiores nos seus fogares terá listo o seu primeiro prototipo a finais de 2020.
Ao longo deste ano, os responsables do proxecto NETA V3A traballaron no seu deseño visual e morfolóxico, as interfaces software e os módulos de interacción por voz que permitirán aos usuarios acceder ás funcionalidades tanto en galego como en castelán.
A sede de Afundación, que colaborou na iniciativa xunto cos voluntarios de Espazo +60, acolleu unha rolda de prensa para dar a coñecer os avances do proxecto, que está cofinanciado con 1 millón de euros pola Axencia Galega de Innovación e a UE.
O consorcio NETA está integrado polas pemes Atendo, Balidea, Fruto DS e Ledisson AIT xunto co centro tecnolóxico Gradiant. O coordinador do proxecto, Luis Barros, destacou o “futuro prometedor” da robótica social e asistencial para dar solución ao reto demográfico. “É unha ferramenta de apoio que vai permitir ás persoas manter a súa independencia sen ter que deixar o seu fogar e seguindo vinculada co seu ámbito, tanto familiar como social, apuntou.
(Fonte: Faro de Vigo)