O Goberno galego abriu unha nova edición do programa Re-Acciona, que permitirá apoiar con máis de 3,2 millóns de euros a posta en marcha de até 670 proxectos e, desta forma, mellorar a competitividade das pemes galegas, facilitándolles o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización, a dixitalización ou a innovación.
Este orzamento, que permitirá mobilizar máis de catro millóns de euros, desenvolverase ao longo deste ano a través de tres convocatorias: a primeira, aberta e cuxo período de solicitudes prolongarase até o 28 de xaneiro; unha segunda, que comezará o 31 de xaneiro, podendo solicitar servizos até o 4 de marzo; e a terceira, que se iniciará o 7 de marzo prolongándose o prazo de solicitudes até o 8 de abril.
O programa que promove a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), permitirá impulsar servizos en ámbitos como o da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos.
Ademais, levaranse a cabo, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), proxectos no ámbito do desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, á ciberseguridade ou a mercadotecnia de contidos.
Así mesmo, e como complemento dos servizos prestados, está en marcha o programa Reacciona covid-19. Segundo informa a Xunta, trátase dunha nova liña que busca cooperar co tecido empresarial galego na actual conxuntura económica, contribuíndo ao seu impulso e recuperación tras a pandemia. Neste sentido, cun orzamento de 3,6 millóns, o Reacciona covid-19 suma cinco novos servizos que atenden á situación económica xurdida da pandemia. As empresas galegas poden acceder a prestacións especializadas no relativo á adecuación dos estados financeiros, á transmisión ou adquisición de unidades produtivas, á análise de mercados internacionais, á elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e á implantación de procesos acordes á economía circular.
Fonte: El Ideal Gallego