O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) mantén aberta ata o 20 de setembro a súa convocatoria do programa NEOTEC, co que se comprometen un total de 20 millóns de euros para impulsar novos proxectos empresariais de base tecnolóxica e científica, coas que se poderán financiar ata o 70% do presuposto de cada un dos proxectos.
O obxectivo deste programa é, segundo o CDTI, “fomentar a tecnoloxía e a innovación como factores competitivos” para o desenvolvemento das empresas”. Todo, a través de axudas dirixidas a proxectos empresariais de pequenas empresas innovadoras “que requiran o uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvolvidos a partir da actividade investigadora e nos que a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía propia”.
En total, o programa NEOTEC axudará a preto de 100 novos proxectos, financiando ata o 70% do presuposto de cada un deles, se ben cada subvención alcanzará un máximo de 250.000 euros por beneficiario. As empresas candidatas deberán estar constituídas, como máximo, nos tres anos anteriores ao peche do prazo de presentación das solicitudes; deben dispoñer dun capital social mínimo de 20.000 euros e acreditar o desenvolvemento de tecnoloxía propia.
(Fonte: Innovaspain)