O programa Incuvi-Emprende amosa as súas ventás de oportunidades ao alumnado do campus de Ourense

A sexta edición do programa Incuvi-Emprende está en marcha. Ata o 2 de febreiro, o alumnado e egresados recentemente da Universidade de Vigo teñen a posibilidade de presentar a esta convocatoria as súas ideas de negocio e atopar na institución académica e nas entidades implicadas nesta iniciativa uns aliados estratéxicos cos que facer realidade esas ideas. O campus de Ourense acolleu este mércores unha presentación desta convocatoria que tivo por obxectivo dar a coñecer as súas características entre os membros da comunidade universitaria e fomentar a participación nela.

A presentación contou coa participación de representantes das entidades implicadas na convocatoria no que se refire ao campus de Ourense, como son, ademais da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo e da Vicerreitoría do Campus, a Tecnopole, a Cámara de Comercio de Ourense, a Confederación de Empresarios de Ourense, Expourense e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense. “Esta iniciativa demostrou en anos pasados que é unha ventá de oportunidades para que estudantes e egresados poidan desenvolver os seus proxectos empresariais e poidan abrir unha porta á súa empregabilidade”, destacou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, durante a sesión.

“O obxectivo de Incuvi-Emprende é inculcar o espírito emprendedor”, recalcou Alejandro Martínez, director da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo. Para acadalo, apuntou, ofrece aos emprendedores non só un espazo físico onde establecerse nos seus inicios senón tamén formación, titorización e outros servizos. No acto tamén participou José Antonio Tesouro, de MeigaLabs Software Development, beneficiaria dos Premios Incuvi-Emprende en 2015 e da súa continuidade, os Premios Incuvi-Avanza, en 2016. “Emprender é complicado pero só polo que aprendes durante o proceso, pois tes que facer ti todo, xa vale a pena a experiencia”, salientou aos asistentes un dos tres socios que forman MeigaLabs, que ten comercializados cinco xogos en Android e Apple Store e que na actualidade está radicada no Citi.

Características da convocatoria

Segundo establecen as bases da convocatoria, ata o vindeiro 2 de febreiro poderán presentar as súas propostas empresariais, relacionadas con calquera das ramas de coñecemento contidas nos plans de estudo da Universidade de Vigo, todos e todas as estudantes dos tres campus que estean matriculados en estudos de primeiro, segundo ou terceiro ciclo, grao ou mestrado así como titulados e tituladas pola Universidade de Vigo no curso 2013/2014 ou posteriores. Os proxectos poderán ser elaborados individualmente ou en grupos dun máximo de catro persoas.

As propostas deberán ser orixinais e a súa autoría deberá corresponder á persoa ou persoas que os presentan. Entre todos os proxectos presentados en Ourense seleccionaranse os catro mellores, que terán como premio un espazos na Preincubadora da Tecnópole. Ademais durante un ano participarán nun programa no que se desenvolverán actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos, así como a subvención, durante o mesmo período, dos custos de estadía no espazo de traballo na preincubadora. Ademais, no mes de xaneiro publicarase a segunda convocatoria de Incuvi-Avanza, un programa de trata de consolidar como empresas dúas das iniciativas seleccionadas no Incuvi-Emprende da edición anterior.

 
(Fonte: DUVI)