No marco do programa Connect-19, que promove Tecnópole e a Xunta de Galicia para acelerar a comercialización de solucións fronte á COVID-19, estanse a desenvolverse unha serie de actividades formativas online. Aínda que se dirixen expresamente aos beneficiarios do programa, están abertas á participación de calquera empresa interesada.
A próxima acción formativa celebrarase baixo o título “Marketing e posicionamento de empresas ou produtos disruptivos”. Consta dunha experiencia e de dúas sesións. A experiencia terá lugar o 30 de outubro, de 10:00 a 11:30 horas. Marta Frenna, de Grey Glasses, compartirá a súa experiencia persoal como emprendedora. Explicará como usou Canvas para fundamentar o seu modelo de negocio, as canles de distribución que foi activando, o primeiro modelo de monetización e como conseguiu que os meses de confinamento impulsasen a súa vantaxe competitiva.
A primeira sesión será o 2 de novembro e a segunda o 5 de novembro, ambas as dúas de 9:30 a 13:30 horas. Roberto Fraga, de Pilgrim Travel, ofrecerá ás empresas participantes os coñecementos básicos necesarios para o deseño dunha estratexia dixital orientada á comercialización de produtos e/ou servizos contra a COVID-19.
A inscrición neste bloque formativo pode realizarse a través do enlace https://www.tecnopole.es/gl/connect-19-actividades-formativas.
Fonte: Tecnópole