O presuposto galego para innovación aumentará un 7,5% en 2016

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria de Galicia, Francisco Conde, anunciou en Vigo que a Xunta destinará un presuposto para a innovación empresarial en 2016 un 7,5% superior ao de 2015, e un 17,5% en comparación con 2013.

O conselleiro fixo referencia a estes datos durante a inauguración da xornada “A industria galega ante os retos da innovación”, organizada por Faro de Vigo, que analizou o impulso da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) co foco na reindustrialización.

Durante a xornada, Conde sinalou que parte deses fondos porán ao servizo da innovación na industria 4.0. Neste sentido, resaltou a necesidade de adaptar o tecido económico galego a esta revolución tecnolóxica, cun incremento de man de obra cualificada na comunidade. “A industria 4.0 é tamén sinónimo de traballo, e en concreto de emprego especializado e cualificado”, dixo Conde, que resalte que as administracións públicas deben dar resposta a estas necesidades e que, precisamente, dende a Xunta se marcaron como obxectivo a creación de 50.000 postos de traballo no sector industrial ata 2020.

Conde subliñou os esforzos do Goberno galego para adaptar as fábricas á nova revolución industrial, mediante ferramentas como a propia RIS3 e a Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0. Esta última sumará 120 millóns de investimento público ata finais de 2016 e inclúe medidas de captación de talento, impulsando un programa de formación de cara aos chamados “traballadores 4.0”, que contan coas habilidades necesarias para este novo escenario. Conde defende a formación dunha “nova xeración de talento industrial galego”, e asegurou que será unha das prioridades para o 2016 dentro das estratexias de emprego do Goberno galego.

O conselleiro tamén alertou do risco de non actuar para adaptarse aos novos cambios tecnolóxicos, xa que “os ciclos de innovación cada vez máis curtos” necesitan unha constante adaptación. Esta adaptación no resto de España vén coordinada mediante o programa “Industria conectada 4.0”.

Fronte a estes desafíos, a RIS3 márcase tres retos que teñen como obxectivo servir de apoio á innovación empresarial: avanzar cara a un novo modelo de xestión de recursos naturais e culturas baseado na innovación; camiñar cara a un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento, aumentando a presenza tecnolóxica na estrutura industrial de Galicia; e impulsar un novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación.

(Fonte: Faro de Vigo)