O presidente da Xunta destaca a Coasa como exemplo de industria de referencia cun alto compoñente innovador e compromiso coa formación

Durante a súa visita á empresa de compoñentes aeronáuticos Coasa, situada na Tecnópole, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o binomio emprego-formación é un factor clave para afrontar os retos da Industria 4.0. Así, subliñou que a formación é imprescindible para que as empresas poidan preparar os seus traballadores no manexo de novas ferramentas dixitais; para que a introdución de novas tecnoloxías non supoña unha fenda xeracional e favoreza a reciclaxe; e para que a demanda de perfís profesionais que vai marcando o tecido empresarial teña a súa correspondencia desde o ámbito académico.

Con este fin, Feijóo lembrou que o pasado mes de decembro o Goberno galego aprobou unha nova convocatoria dun programa pioneiro para crear unidades formativas nas empresas. Unha iniciativa que, dotada con 6,5 millóns de euros, permitirá mellorar a cualificación de 2.100 persoas desempregadas ou ocupadas, que poderán participar nos diversos cursos de formación especializada que se ofertarán en máis de 500 empresas galegas. Precisamente, Coasa foi unha das empresas onde se impartiu o pasado ano unha destas unidades formativas na que participaron 12 persoas, das que 7 foron contratadas.

Neste sentido, Feijóo referiuse a Coasa como un exemplo de todo canto está a evolucionar a industria galega: polo sector ao que pertence, xa que a aeronáutica en Galicia se está a posicionar como unha industria de referencia; polo alto compoñente de innovación que alberga e que fai posible a mellora continua nos seus procesos de fabricación; e polo seu compromiso coa formación.

Incentivos á contratación

Así mesmo, Feijóo salientou que a Xunta financiará o 100% da formación que as empresas deseñen e impartan segundo as súas necesidades, co compromiso de que se contrate, como mínimo, o 40% do alumnado que participe nestes cursos cando se trate de persoas desempregadas. “E, se eses contratos son indefinidos, axudaremos ás empresas con incentivos de entre 7.000 e 16.000 euros”, abundou.

Como principal vantaxe destas unidades, o responsable do Executivo autonómico subliñou que serán as propias empresas as que planifiquen o contido dos cursos que ofrezan, en función dos perfís laborais que precisan cubrir, ou segundo as necesidades que lle vaian xurdindo á hora de formar o seu persoal no manexo de equipamentos máis tecnolóxicos.

Logo de valorar os últimos datos do paro, que sitúan Galicia como a cuarta comunidade na que máis baixou o desemprego en 2017, cunha baixada do 10,15% e cunha suba en afiliacións de 21.713, Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá apostando polo sector aeronáutico, a través do centro de Rozas en Lugo e da formación: co Grao de Enxeñaría Aeroespacial que se imparte na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense e co Ciclo Superior de Mantemento Aeronáutico que oferta o CIFP As Mercedes de Lugo.

Por último, o presidente da Xunta recordou que as novas obras de acceso ao polígono de San Cibrao das Viñas, cun investimento de 21 millóns de euros, “xa non teñen marcha atrás” e permitirán facer máis competitivo este polígono e as empresas que acolle.