O centro de investigación e desenvolvemento tecnolóxico Tecnalia foi recoñecido coa máxima distinción no ámbito da innovación en Europa polo desenvolvemento da tecnoloxía de predición de fallos para a Industria 4.0, patentada pola empresa NEM Solutions.
O Premio Europeo de Innovación foi entregado conxuntamente a Tecnalia e NEM Solutions pola organización EARTO, a máxima representación europea neste ámbito, na categoría ‘Impact Delivered’, que recoñece a mellor práctica de transferencia de tecnoloxía. O galardón fíxose público en Bruxelas, durante a cerimonia de entrega dos seus Premios de Innovación, celebrada o pasado venres. Cabe destacar que, precisamente, o metro de Bruxelas é un dos usuarios desta tecnoloxía.
“A predición de fallos en Industria 4.0 pode realizarse grazas á aplicación de Big Data, que permite a xestión eficiente e a análise intelixente de grandes volumes de datos na industria para maximizar a produtividade e a competitividade a escala global. Deste modo, a tecnoloxía, denominada A.U.R.A., axuda a predicir o comportamento esperado e detectar futuros fallos dos activos clave dunha empresa, como as turbinas eólicas ou os subsistemas dos trens”, explican dende Tecnalia. A tecnoloxía estase a aplicar xa a nivel mundial nos sectores da enerxía eólica e o ferroviario.
O investigador de Tecnalia Alberto Diez Oliván manifestou na entrega do galardón que “é un orgullo ver que esta tecnoloxía, na que Tecnalia colaborou dende o inicio, está a dar grandes resultados en empresas de sectores como o do Ferrocarril e da Enerxía Eólica, a través dos produtos e servizos de NEM Solutions”.
Por outro lado, Alberto Conde Mellado, fundador e CEO de NEM Solutions, remarcou que “Tecnalia foi, e esperamos que siga sendo, un colaborador estratéxico para nós. Hai 10 anos, o Data non era Big, e conxuntamente comezamos unha investigación para facer dunha idea, unha liña de negocio sustentable e escalable. Dez anos despois, seguimos sumando clientes mes a mes, sendo recoñecidos polo mercado”.
(Fonte: Innovaspain)