A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se enmarca na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), está destinada a pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica. O programa busca, ademais, a vertebración do interior de Galicia, Lugo e Ourense. Por iso, as empresas situadas nestas provincias terán unha puntuación maior no proceso de selección, co obxectivo de fixar poboación no rural, unha das prioridades do Goberno galego. Ademais, esixirase que as firmas, xa constituídas, teñan facturación no ano 2016, ao tempo que se valorará o incremento do volume de negocio nos tres últimos anos.
Novidades
Esta aceleradora de empresas inclúe este ano novidades especialmente destinadas a aumentar a individualización dos servizos e céntrase en dous grandes grupos de actuacións.
En primeiro lugar, un itinerario personalizado de aceleración para as empresas seleccionadas, ata un máximo de 10, que poderán beneficiarse dos servizos incluídos nun programa de traballo individualizado e á medida deseñado por titores especialistas e orientado a cumprir catro obxectivos: a mellora da facturación e innovación das empresas; dos seus produtos innovadores no mercado; das vendas no exterior e internacionalización; e da captación de financiamento externo.
Agrobiotech, en segundo lugar, inclúe accións transversais nas que poden participar as empresas beneficiarias da primeira edición da iniciativa, como é o II Encontro Agrobiotech Innovación, orientado a profesionais e axentes referentes e que se celebrará no Parque Tecnolóxico de Galicia. Como novidade nesta edición, buscarase a participación activa dos clústers, centros tecnolóxicos e empresas tractoras referentes. O pasado ano tomaron parte neste congreso 330 participantes de España, Francia e Portugal con 56 relatores expertos, 28 expositores de produtos e servizos innovadores e a realización de máis de 130 reunións one to one.
Tamén se inclúe a continuidade da Lonxa de Inversores Bio, na que as pemes poden formarse e recibir titorización para mellorar o seu plan de negocio, e unha avaliación dos resultados das 11 empresas que tomaron parte na primeira edición deste programa.
A valoración das compañías que participaron foi alta con respecto aos seus resultados: o 100% recomendan o programa; o 82% das pemes prevén xerar emprego; e o 73% reportan mellora da xestión e apertura de novas liñas de negocio. Ademais, é preciso destacar que as novidades incluídas na edición deste ano son froito dunha avaliación que a Xunta fixo das accións realizadas tanto por parte das empresas como por parte das entidades colaboradoras (Tecnópole, Cetal, Clusaga, Asebio e Bioga).
(Fonte: Tecnópole e Xunta)