Para acadalo, ademais das entidades patrocinadoras estiveron nas mesas de presentación os membros de Meigalabs e iBeeTel, dous dos tres proxectos galardoados na última convocatoria en Ourense. Realizando xa os trámites para a creación da empresa nun caso e rematando a posta a punto do seu primeiro produto no segundo caso, estes emprendedores non dubidaron en recomendar a participación nesta iniciativa porque, afirmaron, “non perdes nada, só podes gañar, gañar un espazo de balde durante un ano e asesoramento especializado”.
A presentación dos premios no campus reuniu aos representantes de todas as entidades implicadas nesta iniciativa en Ourense: Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus; Adela García-Pintos, directora da Área de Emprego da Universidade; Ricardo Capilla, director xerente da Tecnopole; Rubén Vázquez, da Confederación de Empresarios de Ourense; Enma González, de Expourense; Lois Babarro, presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense, e Victoria Rois, secretaria xeral da Cámara de Comercio de Ourense.
Contra os discursos derrotistas derivados da crise, o vicerreitor apuntou que estes premios son “unha ventá de oportunidades moi interesante para calquera ámbito de coñecemento, non só para o tecnolóxico” e “o primeiro paso para moitas persoas que desexan emprender”. Como representante da principal entidade patrocinadora dos premios no campus de Ourense, a Tecnopole, Ricardo Capilla salientou como estes galardóns xorden da simbiose entre “a universidade como canteira de formación e o parque como o ecosistema no que desenvolverse”.
Entusiasmo e implicación, o máis importante
Os Premios Incuvi-Emprende, que teñen por obxectivo promover e premiar a elaboración dunha idea de negocio creativa baseada en calquera das ramas do coñecemento da Universidade de Vigo, subvencionará no caso de Ourense os custes da estadía por un período máximo dun ano de catro espazos na Tecnopole, no Parque Tecnolóxico de Galicia.
Poderán presentar a súa idea de negocio alumnado actual e persoas tituladas pola Universidade de Vigo no curso 2012/13 ou posteriores, podendo ser os proxectos elaborados individualmente ou en grupos dun máximo de catro persoas. “Na Universidade de Vigo xérase moito coñecemento e este coñecemento pódese converter nunha realidade empresarial. O que fai falla é impulso e apoio, porque realmente crear unha empresa é moi difícil, cun elevado índice de mortalidade e un tempo de espera de tres anos para ter ingresos”, subliñou a directora de Emprego da Universidade. A todas as persoas interesadas na convocatoria, Adela García recalcoulles que o máis importante é “implicación, porque a idea pode pulirse pero o entusiasmo non, e emprender é moi duro”.
Para falarlles destes sempre difíciles comezos e das vantaxes que ofrece unha preincubadora universitaria achegáronse ao campus membros dos proxectos Meigalabs e iBeeTel. “Para nós foi e é unha grande axuda contar cun ano de alugueiro de balde e con todos os gastos pagos. Se tivésemos que asumir nós estes custes serían máis de 300 euros mensuais xa de partida. Tamén é moi importante todo o asesoramento que recibimos, sobre todo para a elaboración do Plan de Negocio, que logo precisas para presentarte a calquera convocatoria de axudas, para crear a empresa e para outras cuestións”, explicou José Antonio Tesouro, de Meigalabs.
Mentres realizan os trámites para a súa constitución como empresa, os membros de Meigalabs amosaron este luns o seu desexo precisamente de presentarse á primeira convocatoria dos Premios Incuvi-Avanza, que tamén se explicaron este luns no campus de Ourense. A Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría de Estudantes e en colaboración coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, convoca estes premios por primeira vez co obxectivo de ampliar o apoio a aqueles proxectos empresariais máis viables e con potencialidade dos galardoados nas últimas catro edicións dos Premios Incuvi-Emprende. Para facelo, subvencionará os custes por un período máximo dun ano da estadía nun espazo no campus de Ourense, concretamente no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación de Ourense (Citi) e outro no campus de Vigo, no Parque Empresarial e Terciario Porto do Molle. “O seu obxectivo é lanzar este proxectos, axudalos para que avancen definitivamente”, recalcou Adela García.