O prazo de inscrición no programa de aceleración de empresas Agrobiotech Innovación permanece aberto ata o 22 de abril

As pemes galegas dos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa contan aínda cunha semana de prazo para inscribirse no programa de aceleración Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, e que terá a súa base en Tecnópole. O período de inscrición estará aberto ata o 22 de abril.

A nova aceleradora de innovación AgroBiotech aspira a que as pemes participantes incrementen nun 15% a introdución de produtos innovadores no mercado, aumenten noutro 15% as súas vendas no exterior e eleven a súa facturación gañando tamaño.

O espazo centrarase en sectores prioritarios para Ourense, como son o agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa, e estará situado no Parque Tecnolóxico de Galicia, facilitando aos participantes o aproveitamento das súas infraestruturas, como o Laboratorio de Biotecnoloxía, unha instalación científico-técnica dotada con modernas equipacións. O seu emprego permitirá aos usuarios contar coas prestacións que ofrece un laboratorio propio, pero sen ter que asumir os elevados custos de adquisición e mantemento de equipos, un dos principais factores condicionantes das iniciativas emprendedoras no ámbito da biotecnoloxía.

AgroBiotech ofrece ás pemes a posibilidade de incrementar o seu potencial innovador, ao tempo que facilitará o financiamento das empresas, impulsando o acceso ao programa europeo Horizonte 2020 e aos fondos do I2C, que suman 15 millóns. Un esforzo que se sustenta na vontade de cooperación de Bioga e de Asebio, que tutelarán e guiarán as empresas participantes, e do propio Goberno galego.

Para favorecer o desenvolvemento dos proxectos innovadores, AgroBiotech conta cun investimento de 750.000 euros, ofrecendo ás empresas un método de traballo práctico e personalizado. Así, as empresas disporán dunha folla de ruta á medida en función das súas necesidades e baixo a titorización de expertos.

Deste modo, impulsarase un traballo práctico a favor da innovación, compatible coas distintas actividades empresariais e aberto á industria, o que potenciará, ao mesmo tempo, a colaboración, multiplicando as sinerxías entre axentes e empresas participantes.

Bases da convocatoria.

(Fonte: Xunta)