O Plan Estratéxico de Tecnópole busca un Parque máis innovador, sostible, dixitalizado, atractivo para o talento e igualitario

 

O director do Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, Javier Taibo, presentou o Plan Estratéxico 2022-2025, que se vertebra en cinco eixes: a ocupación do espazo dispoñible, o desenvolvemento empresarial, o fomento da innovación, a sostibilidade, xunto á formación e a comunicación.

Estratexia de ocupación do espazo: para novas empresas e para ampliar as actuais

Búscase non ter edificios sen uso, reactivar a venda de parcelas, así como contar con novas instalacións para acoller empresas debido á plena ocupación actual. Nesta liña, avanzarase na recuperación do edificio de incubación da extinta Cámara de Comercio de Ourense. Ademais, proxectaranse novos espazos para permitir o crecemento de empresas medianas, mediante módulos de 500 m2 en alugueiro, interconectados e con servizos comúns. Outra das propostas é a creación dunha carpa para eventos en madeira, co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal – XERA.

Estratexia de desenvolvemento empresarial: impulso de proxectos innovadores

O director de Tecnópole incidiu en que o futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se vai instalar no Parque “contribuirá ao fortalecemento da ciberseguridade na administración pública, na cidadanía e nas empresas, ao tempo que se favorecerá o desenvolvemento de talento especializado neste eido”. Prevese que estea operativo a mediados de 2025.

No marco da estratexia de desenvolvemento empresarial, o Parque dispón dun espazo destinado a impulsar ideas de negocio viables, no que se axuda aos emprendedores a validar o seu modelo de negocio, así como a desenvolver as habilidades imprescindibles para poñelo en marcha. Ademais, Tecnópole colabora co Programa INCUVI da Universidade de Vigo para acoller proxectos de emprendemento universitario. E, xunto ao Igape e AJE Ourense creouse o primeiro Polígono Virtual de Galicia, con sede en Tecnópole, que permitirá ofertar servizos de alto valor engadido no eido da dixitalización ata a 300 beneficiarios. Por outro lado, está en marcha a segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras “Galicia Avanza”.

O Parque dispón de infraestruturas singulares para dar apoio ao desenvolvemento empresarial. Destaca en particular o Centro de cirurxía experimental e formación en técnicas minimamente invasivas -Tecmeva-, que se potenciará grazas ao acordo entre o Sergas e a Axencia Galega de Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), que empregarán as súas instalacións para docencia, investigación e divulgación de novas técnicas cirúrxicas, xunto ao desenvolvemento de proxectos de investigación biomédica e procedementos de posta a punto de novas técnicas terapéuticas e de diagnóstico.

Estratexia de sostibilidade: comunidade enerxética e mobilidade sostible

En relación á sostibilidade, vaise crear no Parque a primeira comunidade enerxética empresarial galega, coordinada polo Instituto Enerxético de Galicia. Ademais de reducir o consumo, dotarase de maior competitividade ás empresas.

Estase a traballar tamén no desenvolvemento dun plan de mobilidade sostible. Nesta liña, xa se puxo en marcha un novo servizo de carsharing -vehículo de alugueiro por minutos-, froito dun convenio entre o Concello e o Polígono de San Cibrao.

Estratexia de innovación: apoio á transferencia de tecnoloxía

No campo da innovación, Tecnópole está aliñada coa Estratexia RIS3 de Galicia. Así mesmo, vaise crear un Consello Asesor do Parque que permitirá reforzar os vínculos coas tres universidades galegas, co fin de poder apoiar a transferencia tecnolóxica ás empresas e a creación de iniciativas empresariais que xorden na contorna universitaria. E porase en marcha un servizo de diagnósticos de innovación para as empresas residentes.

Estratexia de formación e comunicación

O Parque aglutinou baixo a marca “Tecnópole Divulga” todas as súas actividades de divulgación científica e tecnolóxica dirixidas ás futuras xeracións: a feira científica Galiciencia, a Aula Newton, as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán T2W; xunto á participación no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, en colaboración coa Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España -APTE-.

O Parque renovou a súa imaxe corporativa (ver vídeo) e a súa páxina web (www.tecnopole.gal), que irá incorporando novas funcionalidades nos vindeiros meses.

Fonte: Tecnópole