O picosatélite galego ‘Xatcobeo’ comeza a emitir dende o espazo

n

n

O picosatélite galego 'Xatcobeo' comezou o pasado luns a emitir información dende o espazo, apenas unhas horas despois da súa posta en órbita tras despegar dende a Guayana Francesa a bordo do satélite 'Vega', da Axencia Espacial Europea.

n

n

n

 

n

n

n

A Universidade de Vigo converteuse nunha prolongación do Porto Espacial Europeo de Kourou (Güiana francesa), porque se viviron as mesmas emocións, os mesmos aplausos e o mesmo brinde con champaña que ao outro lado do Atlántico. "Xa estamos no espazo, grazas ao voso traballo, esforzo e rigor", dicía o reitor vigués, Salustiano Mato.

n

 

n

A Axencia Espacial Europea (ESA) estreaba desta forma o foguete 'Vega', o seu lanzador máis lixeiro e no que viaxaba o satélite galego, tras nove anos de traballo e a participación de sete países incluídos España, nun primeiro voo que durou unha hora e dez minutos.

n

 

n

O Campus recibiu as imaxes da ESA en directo e organizou un acto especial porque "tamén viaxaba" nese foguete, grazas ao picosatélite construído pola Universidade de Vigo en colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), un organismo que depende do Ministerio de Defensa. Os datos recollidos polo 'Xatcobeo' dende a súa posta en órbita serán almacenados ademais grazas a un módulo deseñado na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense por seis dos seus alumnos e baixo a coordinación do profesor Arno Formella.

n

 

n

Os primeiros en saír

n

 

n

O 'Xatcobeo' foi o primeiro en saír dos sete picosatélites que distintas universidades europeas levaban no Vega, ademais doutros dous satélites italianos, como un premio por ser a Universidade de Vigo a primeira en cumprir os requisitos da Axencia Espacial.

n

 

n

Pero por se fose pouca emoción para un só día, a Universidade de Vigo anunciou tan só unha hora máis tarde do lanzamento que se localizara xa o sinal do satélite en Florida e Reino Unido e que estaba preparado para o envío de datos e a recepción de ordes dende a Escola de Teleco.

n

 

n

Vigo estivo tamén presente en Güiana, un departamento francés situado entre Brasil e Surinam, o luns pola mañá cunha temperatura de 30 graos, posto que alí se desprazou unha delegación formada polo investigador principal, o catedrático da Escola de Teleco Fernando Aguado, o vicerreitor de Transferencia e tamén investigador do proxecto, José Antonio Vilán, e os alumnos Darío Hermida e Miguel López, todos eles entrevistados en directo nun programa-espectáculo que se montou expresamente no edificio Miralles e que presentou o xornalista Manuel Vicente (dirixe o programa Efervesciencia na Radio Galega).

n

 

n

O picosatélite é obra dun equipo de 60 alumnos e 32 investigadores da Universidade de Vigo (das escolas de enxeñería de Telecomunicacións, Industriais e Informática) e do INTA.

n

 

n

A delegación viguesa en Kourou viviu o lanzamento a só 7,5 quilómetros de distancia como "unha experiencia marabillosa" e sentiron o ruído e as vibracións do despegue cando o foguete estaba xa a máis de 500 metros do chan, e o vicerreitor Vilán non puido reprimir as bágoas. Tras a saída do 'Xatcobeo', produciuse a explosión de alegría e os abrazos. Fernando Aguado dicía dende o Porto Espacial que "isto que vivimos é un recordo para sempre".

n

 

n

Pioneira en satélites educativos

n

 

n

A Universidade de Vigo é a primeira de España que deseña un satélite educativo de tipo CubeSat (menos dun quilo de peso e dez centímetros de alto), cun mínimo de tres meses de vida útil, e fíxoo seguindo os esixentes estándares da industria europea.

n

 

n

Custou 1,2 millóns de euros, un prezo alcanzable tendo en conta que un satélite normal custa 60 millóns de euros, segundo explicou o profesor ourensán Óscar Rubiños. A iniciativa partiu de Fernando Aguado, cando en 2007 a ESA convocou un concurso para lanzar satélites educativos no Vega. O entón reitor, Alberto Gago, buscou apoio técnico e institucional e para iso púxose en contacto coa Dirección Xeral de Política Científica, co responsable do programa español de Investigación Aeroespacial e coa ESA, que destacaron a calidade e rigor da proposta. De 25 universidades europeas que concursaron, seleccionaron nove e unha era Vigo.

n

 

n

Tamén contaron co apoio de Retegal, presente no Campus. Nos inicios do proxecto o conselleiro delegado desta empresa pública era Manuel Fernández Iglesias, hoxe vicerreitor de Relacións Internacionais vigués e que fixo de tradutor dos representantes da ESA no momento do lanzamento de Vega.

n

 

n

(Fonte: La Región)

n

n

n