O Parque Tecnolóxico gañará 341.000 metros de superficie

A Xunta prevé ampliar os terreos do Parque Tecnolóxico en 341.000 metros cadrados máis. Así o anunciou o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, nunha visita ao recinto, como respaldo ao novo xerente, Javier Taibo. O conselleiro indicou que o consello de administración da sociedade xestora do Parque Tecnolóxico “aprobou esa ampliación, que desenvolveremos en colaboración coa Xestion Urbanística de Galicia (Xestur), e que facilitará máis espazo para que se poidan establecer novos proxectos facendo así que este polígono sexa un motor de oportunidades e de atracción de novos proxectos”.

O conselleiro de Economía sinalou que entre os retos do Parque Tecnolóxico atópase a oportunidade de “xerar novas oportunidades no ámbito económico e laboral, así como contribuír a cohesión social e territorial”. Conde ve que “hai unha oportunidade para poder captar proxectos vinculados á dixitalización e a empresas de base tecnolóxica, que é precisamente a natureza que ten Tecnópole”. Destacou o factor oportunidade coincidindo coa chegada dos fondos europeos Next Generation pero, sobre todo, a posibilidade  de introducir cambios importantes no sistema produtivo apostando pola innovación e a dixitalización.

Javier Taibo transmitiu a súa ilusión por liderar este proxecto e adiantou que arrincará os contactos cos axentes implicados no desenvolvemento dun plan estratéxico para o Parque.  Segundo as súas palabras, trátase de xerar “novas oportunidades empresariais e reter o talento galego”. Conde aproveitou a súa estancia no recinto para visitar algunhas empresas, caso de KeyMetrekis e Fentotek.

Fonte: La Región