O Parque Tecnolóxico de Galicia promove que as rapazas estuden carreiras científicas e tecnolóxicas

O Parque Tecnolóxico de Galicia participa no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, impulsado pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España  -APTE-, na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa, que este ano cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas.

No marco deste proxecto, celebrouse desde Tecnópole unha actividade de ciencia online dirixida a alumnos de primeiro a terceiro de Secundaria. O encargado de conducila foi o divulgador científico David Ballesteros, director das aulas de investigación para mozos do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Na actividade interviron a directora do Domus, Patricia Barciela, e Iria Míguez, exalumna de Aulas Tecnópole e enxeñeira de Telecomunicacións. Explicaron aos rapaces por que dedicar a vida á ciencia ou á tecnoloxía e relataron a súa experiencia particular ao ter elixido carreiras nas que predominan os homes. “É un xeito de darlles ás novas xeracións referentes femininos en estudos pouco habituais para as mulleres” -indica Ballesteros-.

No transcurso da xornada os estudantes participaron nun taller no que crearon unha exposición virtual sobre mulleres científicas e tecnólogas que fixeron historia, baseándose na realidade virtual e na realidade aumentada. Ademais, desenvolveuse outro taller para os que desexen participar cun vídeo no concurso nacional que promove a Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España baixo o título “Propostas innovadoras aos retos para o desenvolvemento sostible”.

A través deste proxecto búscase fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. “O máis importante é que estudedes o que vos guste, non vos guiedes por prexuízos, cómpre que as mulleres rompades o teito de cristal que vos impide avanzar profesionalmente” -enfatizou Ballesteros perante o alumnado participante nesta iniciativa-. E, nesta liña, salientou ademais que “é moi importante xerar unha imaxe da ciencia e a tecnoloxía diferente, aproximala á poboación en xeral, que se vexa como unha opción de futuro atractiva e mesmo divertida”.

Fonte: Tecnópole