O Parque Tecnolóxico de Galicia organiza actividades para promover e popularizar as carreiras científicas e tecnolóxicas (Aula Newton)

“Que non veñan, que agora volvemos nós”. Así responden os alumnos do IES Ricardo Carvalho Calero cando se inicia o período de reservas para as actividades da Aula Newton, en Tecnópole. Alí estiveron o curso pasado, igual que moitos outros centros de Galicia, participando na actividade “Voando con números”, para a que Aula Newton conta con catro simuladores de voo. Así, os estudantes inícianse no mundo da aviación dunha forma totalmente inmersiva, simulando e aprendendo a resolver situacións de risco.

A actividade ten tres partes. A primeira é preparatoria e nela trabállase a conversión de unidades, de horas a minutos e segundos e viceversa. Tamén se traballa o uso de mapas e, combinando ambos os contidos, os alumnos deben facer un plan de voo que posteriormente porán en marcha no simulador, segunda parte da actividade.

“A misión consiste nun voo de rastrexo entre o aeródromo de Beariz-Doade e o aeroporto de Vigo-Peinador, coa cidade de Ourense como punto de xiro na ruta”, explica Javier Taibo, director de Tecnópole. “Ao longo desa franxa sinaláronse diferentes zonas `quentes´ nas que as posibilidades de atopar situacións de emerxencia son maiores, como un incendio forestal ou un excursionista perdido nunha zona de montaña”.

Constatouse o interese non só dos nenos, senón tamén o das nenas, xogando estas un papel importantísimo en todas as actividades

Os grupos confórmanse en equipos de traballo, que, á súa vez, se subdividen en tripulacións ou parellas de voo. Despois, cada unha destas parellas (piloto/copiloto) deberán planificar e executar o plan de voo tendo en conta unha serie de condicións establecidas, turnándose para poder levar os mandos e gozar da actividade ao completo: “Eu concentreime tanto no meu papel de copiloto, axudando e sinalando, que o meu compañeiro se pasou pilotando o dobre ca min”, cóntannos entre risas.

E é que aprender activamente nun rescate é diferente a traballar con teoría. Como nos conta Nuria Trigueros, profesora no IES Xesús Taboada Chivite, “o interese e a implicación dos rapaces foi sempre excepcional. Chegando ao nivel de que os alumnos que máis disruptivos son en clase funcionan estupendamente na actividade de Aula Newton, comportándose moito mellor que en circunstancias habituais”.

Un éxito que destaca Taibo: “pon de manifesto que as futuras xeracións amosan un interese crecente na formación científica e tecnolóxica, do cal nos sentimos moi satisfeitos, posto que unha das principais orientacións do Parque é a divulgación”, ao que contesta Trigueros: “O máis importante é que se constatou o interese non só dos nenos, senón tamén o das nenas, xogando estas un papel importantísimo en todas as actividades”.

As reservas esgótanse enseguida, confirmando o que nos contaban ao principio: “Non veñades, que xa imos nós!”.

Fonte: Faro de Vigo