O Parque Tecnolóxico de Galicia experimentou en 2009 o seu maior índice de creación de emprego dos últimos anos, segundo se desprende do balance económico presentado esta mañá aos membros do Consello de Administración da entidade durante a reunión que mantiveron na sede da Tecnópole, na localidade ourensá de San Cibrao das Viñas.
n
nAo remate do pasado exercicio as 95 empresas e centros tecnolóxicos que forman parte da Tecnópole sumaban, xunto coa sociedade xestora da entidade, un total de 2.519 empregados, o que supón un incremento do 40% sobre o ano anterior, que pechaba con 1.800 traballadores. Este aumento debeuse especialmente á posta en marcha do novo espazo de emprendemento no edificio Tecnópole I – que en seis meses de funcionamiento acadou un 56% de ocupación- e o inicio de novas actividades empresariais tanto en parcelas como en oficinas en réxime de aluguer.
n
nDurante a reunión do máximo órgano de decisión da Tecnópole, presidida polo director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, informouse de que os ingresos xerados á marxe da subvención corrente da Xunta de Galicia durante o exercicio 2009 superaron por segunda vez consecutiva o millón de euros. Do total destes ingresos, 881.000 euros corresponden á facturación por alugueres e servizos prestados, o que supón un incremento de case o 25% respecto ao ano anterior, e máis de 221.000 euros a proxectos realizados.
n
nEstas cifras fixeron posible que Tecnópole superase en 2009 a barreira do 50% en autonomía financeira. O aumento dos ingresos conseguidos por servizos, alugueres e proxectos, xunto coa mellora continua do control nos gastos correntes, non só permitiu reducir por terceiro ano consecutivo o ratio de ingresos sobre subvencións, senón tamén manter o obxectivo de que máis da metade dos ingresos procedan da facturación e da realización de proxectos.
n
nA subvención da Consellería de Economía e Industria para o financiamento da xestión corrente reduciuse en 2009 nun 12%, pasando dos 800.000 euros de 2008 a 700.000 euros en 2009, o que supuxo unha distribución dos ingresos totais na que os servizos prestados e os proxectos pesaron un 56% e a subvención un 36%, correspondendo o 8% restante a conceptos financeiros.
n
nDebido á evolución na autonomía financeira de Tecnópole, a contía da subvención da Consellería de Economía e Industria para gastos correntes manterase en 2010 nos 700.000 euros. Tamén se mantén a aposta da Xunta de Galicia polo investimento en infraestruturas para Tecnópole, á que destinará 1,7 millóns de euros en 2010.
n
nNovas empresas
n
nOs membros do Consello de Administración aprobaron na súa reunión desta mañá a entrada de tres novas empresas na Tecnópole, unha delas en parcela e as outras dúas na incubadora do Centro de Empresas e Innovación (CEI).
n
nA empresa que ocupará unha das parcelas é Salvacon -Salvamento e Contraincendios-, especializada en certificación e formación nos ámbitos do salvamento marítimo; do transporte por estrada; da proteción e loita contra incendios; da mariña mercante e a pesca; e da náutica de recreo. Cando se cumpren dezaseis anos da súa posta en marcha, a empresa, cunha sede central e catro centros de formación, dalle un xiro á súa estratexia empresarial para establecer a base da súa competitividade na innovación. Por este motivo, implanta un centro de I+D+I na Tecnópole desde o que desenvolverá dúas liñas principais de actuación: aplicación da simulación e da realidade virtual á súa oferta de cursos e servizos e deseño de unidades móbiles de formación profesional especializada. Na súa nova nave, cunha superficie de 1.000 metros cadrados, continuará co desenvolvemento dun dos seus proxectos máis ambiciosos de I+D+I, a Unidade Móbil Eólica con Simulador Inmersivo de Rescate e Evacuación, iniciado en 2009.
n
nArquitectura, Enxeñería e Sostibilidade, do sector da construción, é unha das novas iniciativas de negocio que se instalan na incubadora central da Tecnópole. O seu proxecto consiste no deseño e posta en práctica dun sistema de toma e análise de datos sobre parámetros previamente establecidos que permitan medir e establecer o grao de habitabilidade dos edificios e relacionalos con sistemas construtivos baseados en criterios de bioconstrución e sustentabilidade. Os obxectivos deste sistema son a mellora do aforro enerxético e o illamento térmico das vivendas e un modelo construtivo que incida na hixiene, saúde e protección do medio ambiente.
n
nPor último, incorpórase a un dos niños do CEI a nova empresa Diasoft Formación, centrada no desenvolvemento de plataformas de formación online mediante a aplicación dos últimos avances en tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC).
- Home
- Actualidade
- O Parque Tecnolóxico de Galicia dispara o seu ritmo de creación de emprego cun incremento do 40% ao peche de 2009
O Parque Tecnolóxico de Galicia dispara o seu ritmo de creación de emprego cun incremento do 40% ao peche de 2009
- Venres 26 Marzo 2010