O Parque Tecnolóxico de Galicia participa no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa, que este ano cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas.
No marco deste proxecto, o 8 de outubro vaise celebrar desde Tecnópole un espectáculo de ciencia online dirixido a alumnos de primeiro a terceiro de Secundaria de toda España. A presentación realizaraa a directora de GAIN -Axencia Galega de Innovación-, Patricia Argerey, vicepresidenta e conselleira delegada de Tecnópole.
O espectáculo de ciencia será conducido por dous experimentados divulgadores científicos, Patricia Barciela e David Ballesteros. Patricia Barciela é directora da Domus, o museo de ciencia dedicado ao ser humano; especializada en comunicación científica, ten participado en numerosos proxectos nacionais e internacionais e é colaboradora habitual nos medios de comunicación. Pola súa parte, David Ballesteros, xeólogo de formación, dedícase á divulgación científica e á formación de mozos e docentes no eido da Ciencia e a Tecnoloxía, copresenta o programa “Aquelando” da TVG, dirixe as aulas de investigación para mozos do Parque Tecnolóxico de Galicia e máis de 15.000 persoas teñen asistido aos seus shows científicos nos últimos anos.
No transcurso do evento darase a coñecer o proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, da man do presidente de APTE, Felipe Romera, e da directora xerente da Asociación, Soledad Díaz. E presentarase a exposición “Mulleres que cambiaron o mundo”, que se exhibe en Tecnópole e amosa a traxectoria de mulleres científicas e tecnólogas tanto históricas como actuais.
Fonte: Tecnópole