No marco do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, a exposición “As mulleres que nos levaron á Lúa” poderá visitar en Tecnópole (na entrada do edificio CEI), onde permanecerá ata mediados de febreiro. Na mesma ponse de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron clave para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á Lúa, visibilizando referentes femininos en ámbitos de futuro como a enxeñaría aeroespacial.
A mostra está promovida por Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, profesoras do campus de Ourense da Universidade de Vigo; Encina Calvo, da Universidade de Santiago; e a ilustradora da exposición, Manuela Elizabeth Rodríguez “MeliMolita”. Son doce paneis, con textos e ilustracións, nos que se recolle a biografía e logros do equipo de enxeñeiras, matemáticas, físicas e informáticas que tiñan como misión vixiar e preparar os cálculos de traxectoria, programación dos ordenadores e mesmo a alimentación dos astronautas que viaxaron ao espazo no Apolo XI. Son nomes como os de Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Rita Rapp ou Christine Darden.
“Con este proxecto pretendemos axudar a rachar cos estereotipos sexistas que aínda hai na nosa sociedade e contribuír a aumentar a representación feminina no ámbito STEM -Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas-, o que será beneficioso para as mulleres, xa que aumenta as súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e as decisións do futuro tecnolóxico, e beneficia tamén á nosa sociedade, porque a diversidade fomenta a innovación” -sinalan as súas promotoras-.
Mulleres científicas e tecnólogas animarán ás rapazas a elixir carreiras STEM
Dentro do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, o Parque Tecnolóxico de Galicia vai difundir ademais unha serie de vídeos protagonizados por mulleres científicas e tecnólogas que exercen o seu labor en Tecnópole e que animarán ás rapazas a estudar carreiras STEM. É o caso de Marta Otero, doutora en Física e técnica de I+D no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia; e Marta Antolín, enxeñeira superior de telecomunicacións, responsable do Departamento de Control de Calidade de Egatel -Empresa Galega de Telecomunicacións-.
Fonte: Tecnópole