A restauración da catedral de Santiago permitiu descubrir infinidade de novidades sobre o seu complexo proceso construtivo. O último deles ten ao seu baldaquino como protagonista, pero tamén outro espazo de referencia de Compostela, o convento de San Domingos de Bonaval. E a conexión entre ambos os símbolos da capital galega xorde grazas ao traballo do CIS-Madeira (Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia), organismo que se encargou de todo o que ten que ver co uso deste elemento para restaurar a catedral.
A restauración do baldaquino coincidiu no tempo coas obras no convento de San Domingos de Bonaval, no que tamén se utilizou madeira de castiñeiro da mesma época. O problema do baldaquino localizábase na ensamblaxe de dúas vigas, polo que se recorreu a madeira de castiñeiro cedida de Bonaval para asentar a estrutura.
Por outro lado, cando en novembro do ano pasado a Unesco declarou Patrimonio Inmaterial da Humanidade o toque manual de campás, a primeira que soou en Galicia foi a peza máis importante da catedral de Santiago. Para que isto puidese suceder foi vital o traballo do CIS-Madeira, porque salvaron o xugo que sostén esta campá, coñecida como a maior.
A nova vida da catedral de Santiago non sería posible sen a madeira. As estruturas de castiñeiro sustentan varias capelas xa restauradas e vigas de carballo tamén se empregaron nas intervencións nas cubertas da Corticela e de Praterías. Ademais, a restauración da cuberta da sancristía da capela do Cristo de Burgos está a executarse co asesoramento do CIS-Madeira, xa que a máxima da intervención en toda a catedral compostelá pasa por substituír o formigón que se utilizou en restauracións anteriores polo tipo de madeira que mellor se adapte ás características do templo.
Fonte: La Voz de Galicia