O novo Instituto de Física e Aeroespaciais da UVigo en Ourense arrinca con seis proxectos que atraen un millón de euros

O novo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais, Ifcae, con sede no campus de Ourense e impulsado por 19 investigadores da UVigo, a maioría vencellados á Escola de Enxeñaría Aeronáutica de Ourense, inicia a súa actividade con seis proxectos de investigación activos que implican un financiamento dun millón de euros captado a través de convocatorias competitivas. Está previsto que estas cifras aumenten proximamente, xa que o centro de investigación abriu un proceso de adscrición para incorporar máis persoal investigador -con especial interese desde a área de Informática-, á vez que existen outras propostas lideradas polos seus integrantes á espera de valoración.

Polo momento, os seis proxectos activos nútrense de fondos do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Unión Europea e abordan temáticas que teñen que ver con tecnoloxías cuánticas, sistemas aéreos non tripulados, inspección ferroviaria e organización de sistemas biolóxicos. Materias que se enmarcan nas cinco grandes áreas de investigación que conforman a axenda científica do Ifcae, todas elas interrelacionadas: fluidodinámica e termodinámica, os sistemas ópticos, as aeronaves non tripuladas, as ciencias do espazo e a modelización, simulación e software.

O profesor Higinio González Jorge, membro do grupo de investigación de Enxeñaría Física, coordina catro dos seis proxectos, que suman 650.000 euros de financiamento competitivo até 2026. Ademais, avanza que presentaron cinco propostas máis que se atopan en fase de avaliación por importe de 1,5 millóns de euros.

Fonte: Faro de Vigo