O nanosatélite Serpens, desenvolvido por científicos galegos, chega á Estación Espacial

O cargueiro xaponés Kounotori 5 completou hai uns días a manobra de acoplamento á Estación Espacial Internacional (ISS). Entre os 16 cubesats que transportaba atópase Serpens, un pequeno satélite en cuxo desenvolvemento  interveu a Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo.

Trátase do terceiro nanosatélite galego que se pon en órbita, tras Xatcobeo e Humsat, tamén desenvolvidos por esta mesma universidade.  Neste caso, realizouse en colaboración coa Axencia Espacial Brasileira e varias universidades estadounidenses.

Serpens está destinado a converterse na segunda nave do proxecto Humsat, dirixido a coñecer se unha constelación de pequenos satélites podería permitir o fomento das capacidades do sector espacial en países emerxentes.

Pero esta será na fase final dun proxecto que, agora mesmo, completou a súa primeira etapa despois de que os astronautas da Estación Espacial incorporasen o cargueiro que o transporta a un brazo robótico da nave.

Segundo explica Francisco Aguado, director do proxecto, haberá que esperar mes e medio para a súa exección, momento no que dará comezo unha ‘fase de posta en marcha do satélite’, chamada LEOP (polas súas siglas en inglés: Launch&Early Operations Phase), na que se realizan “as probas de comprobación de que a plataforma e a carga útil do satélite están en perfecto funcionamento”.

Tras esta fase de probas, que durará aproximadamente tres semanas, pasarase xa á de funcionamento ordinario, na que o Serpens comezará a recoller información de sensores de baixo custo instalados en diferentes zonas do planeta, para logo retransmitila tanto a Brasil como a Vigo.

Nese sentido, Aguado explicou que “ao ser unha colaboración con Brasil, a nosa idea é facer probas para poder monitorizar, por exemplo, parámetros da cunca hidrográfica do Amazonas”.

Pero ao mesmo tempo, o nanosatélite ofrece tamén a posibilidade de coñecer “parámetros climáticos ou industriais en calquera parte do mundo”, como engade o coordinador da agrupación. Con ese obxectivo, o proxecto Serpens contempla a instalación de 15 terminais en diferentes puntos de Brasil, aos que sumarán tamén os existentes nas cidades Vigo e Pontevedra.

Un nanosatélite dividido en dúas zonas

Para completar esta tarefa, o cubesat Serpens está dividido en dúas zonas: un sector A dirixido a probar en órbita unha plataforma de baixo custo; e un sector B, deseñado polos enxeñeiros vigueses, que inclúe unha plataforma de altas prestacións e unha carga útil evolucionada do Humsat e cuxo obxectivo é recoller os datos dos sensores.

“Incorporamos mecanismos para que, en presenza desas interferencias, as comunicacións entre os sensores e o satélite, sigan funcionando”, apunta Aguado.

O investigador incide en que a experiencia vivida co Humsat permitiu comprobar que existían “máis dificultades” para esa comunicación en determinadas zonas do hemisferio norte, polo que Serpens podería contribuír ao desenvolvemento “dun sistema máis fiable en situacións afectadas por altos niveis de interfencias”.

(Fonte: SINC)