O Mobile World Congress 2019 reuniu a máis de 109.000 congresistas nunha edición marcada polos avances relacionados coa quinta xeración da telefonía móbil. Son máis que os 107.000 asistentes da anterior edición, manténdose nunha liña estable dende hai varios anos. A organización prima máis a cantidade que a calidade; demóstrao o dato de que máis da metade dos asistentes ocupan cargos executivos nas súas empresas.
Entre os expositores consultados o último día da feira había unha mestura de cansazo e euforia que é o mellor indicador do que foi esta semana: non pararon e as cousas foron ben. O recinto Gran Via de Fira de Barcelona volveu demostrarse como o lugar idóneo para a celebración do evento. Nos 120.000 metros cadrados de espazo expositivo todo foi rodado e fóra as cousas tampouco foron mal.
Tecnoloxía 5G
En canto ao contido da feira, a tecnoloxía 5G foi a gran protagonista desta edición. A operación teleasistida no hospital Clínic dende o Mobile grazas ao 5G foi un dos momentos máis destacados do congreso, no que tamén se viu como o coche conectado pode reducir a accidentalidade ou a realidade inmersiva permitirá ver o Barça con lentes de realidade virtual dende calquera lugar do mundo como se se estivese no Camp Nou.
Pola súa parte, o irmán pequeno do Mobile, o salón 4 Years From Now (4YFN), que se celebrou en Montjuïc entre o luns e o mércores reuniu a 23.000 asistentes, case un 13% máis que o ano anterior. Por primeira vez foi organizado pola GSMA, a patronal do sector que organiza o Mobile, e iso traduciuse nunha estética máis parecida e unha maior presenza de grandes corporacións en lugar de ser un couto exclusivo das empresas emerxentes locais.
(Fonte: La Vanguardia)