O móbil 100% galego de Primux aumenta as súas prestacións

A empresa ourensá Primux Tech abre este 2014 coa incorporación de novas prestacións ao seu smartphone, elaborado ao 100% con tecnoloxía galega. Este produto está a ser un dos produtos máis demandados no mercado xunto coa tablet de última xeración presentada o pasado mes de decembro en Tecnópole de cara ao mercado de Nadal.

Ás prestacións lóxicas que os smarthones Primux incluían de serie como Dual Sim (dúas liñas telefónicas nun mesmo terminal), Bluetooth 4.0, Wifi/n, cámara de fotos de ata 13 mpx autofocus e GPS real (un GPS independente, que non necesita conexión GPRS e non consume datos), para este 2014 as prestacións dos smartphones Primux auméntanse cos últimos avances e a última tecnoloxía en telefonía intelixente.

Entre outros detalles, os smartphones Primux incorporarán tecnoloxía de transmisión de datos de cuarta xeración (4 G), que permite a descarga de datos a maior velocidade ou o visionado de vídeos en streaming (visionado on line sen ter que descargar arquivos). Tamén ofrece as novas pantallas OGS (One Glass Solution), con paneis máis delgados que garanten unha mellor calidade de visión e mellor representación das cores, así como o sistema Over The Air (OTA), que permitirá a actualización do sistema operativo, sen fíos sen necesidade de conectar o terminal a ningún equipo informático

A maioría dos novos smartphones Primux incluirá un procesador de oito núcleos, o que conferirá ao terminal unha maior velocidade á hora de procesar datos e fará que as aplicacións “voen”, xa sexa aplicacións de ofimática, xogos ou vídeos.

Outro dos aspectos destacados das novas achegas con que contan os smartphone Primux nesta nova tempada é o Near Field Communication (NFC), que consiste nunha tecnoloxía sen fíos de curto alcance que permite unha interconexión entre dispositivos electrónicos dun xeito intuitivo, sinxelo e simple.

Todas estas novas prestacións significan un paso máis no mundo das novas tecnoloxías para esta empresa ourensá radicada no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense.

(Fonte: La Región)