O MIT crea un sorprendente robot que nace, móvese e morre dentro do teu corpo

No futuro, cando algo pase no teu corpo, un robot poderá entrar nel en forma de lámina comestible e unha vez dentro, pregalo, moverse, nadar entre fluídos e logo deixar de funcionar e desaparecer. Son os robots pregables e cun ciclo de vida definido que crearon no MIT.

Compostos por láminas de papel ou outro material con anacos de PVC cortado a láser e cun imán dentro, estes robots Origami tardan menos de un minuto en conformarse e arrancar o seu ciclo de vida predefinido. Os seus 0.31 gramos de peso e menos de 2 cm de tamaño adaptan a forma predefinida grazas á calor, e dende ese momento son capaces de nadar en líquidos, desprazarse e dobrarse máis se é necesario. E todo só mediante campos magnéticos.

O robot pode alcanzar unha velocidade de entre 3 e 4 cm/s, e tras realizar o labor para o que foi creado, prepárase para desaparecer. No laboratorio, o final chégalle desprazándose el mesmo a un cubo de acetona onde queda disolto todo agás o imán. No futuro, os investigadores non cren que facer desaparecer completamente o robot vaia ser un problema.

As diferentes formas que pode adoptar o robot non son aleatorias. Deseñáronse para permitir o seu desprazamento e ata para cargar obxectos. No vídeo vese o espectacular deste desenvolvemento, que se atopa aínda nunha fase inicial. Para as seguintes etapas da investigación xa se preparan configuracións con sensores integrados que permitan ao robot origami realizar as tarefas programadas de forma independente.

(Fonte: xataka)